Só catro episodios brutais, tan desgarradores como recoñecibles para calquera, nin sequera é preciso ter fillos ou fillas para detectar que todos eses males que axexan á familia dos Miller, están arredor a pouco que demos unha ollada. Os tempos de confort e abundancia que vivimos, pero que se cobran as súas vítimas a cambio do ritmo desenfrenado e vertixinoso no que cabalgamos a cotío.
Unha infancia cada vez máis breve, asaltada polo que vomita unha e outra vez Internet en tantas horas de soidade e incomprensión. Institutos desbordados polo acoso, por ese abusón de sempre ao que agora non perdes de vista cando rematan as clases, porque segue presente a través das redes sociais. Non para nunca sentirse humillado e violentado, sen intimidade incluso estando sós no seu cuarto. O espertar sexual precipitado, ao tempo que a inmadurez é incapaz de procesar o rexeite, algo que non se dá na pornografía ao alcance de calquera, un modelo de conduta onde a sumisión feminina é a realidade que despois buscarán nesas primeiras e confusas relacións. Unha familia superada polo sentimento de culpa, por ese «que fixen mal?» inevitable ao descubrir que o seu fillo pequeno de trece anos é un asasino. Parecían unha familia normal, traballadora e feliz, agarimosa e pendente das súas crianzas. Iso pensaban, antes de que incomprensiblemente o seu dócil cativo, que pasaba as horas na casa a salvo de todo mal, fose o verdadeiro mal. Ninguén está a salvo nestas adolescencias repletas de estímulos do primeiro mundo, onde non se carece de case nada agás de atención nos seus propios fogares ou entornos.