Unha película para pensar nas relacións (auto) destrutivas que mantemos coa nosa contorna viva, transformar a nosa ollada e activarnos. O film, premiado xa en seis festivais como o de Málaga ou Guadalajara (México), e finalista aos Premios Mestre Mateo como mellor documental, estrenarase en cines o vindeiro 21 de marzo
Este mércores, 19 de marzo, o CEIDA, en colaboración co Concello de Oleiros e a Deputación da Coruña, organizan a proxección do documental ‘Salvaxe, salvaxe’, do director ourensán Emilio Fonseca, producido por Walkie Talkie Films. A película adéntrase nos montes galego-portugueses rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico, para cuestionar a relación entre humanos e non humanos.
O preestreno levarase a cabo no Auditorio de Fábrica do Concello de Oleiros (Calle del Inglés, 13, Perillo), ás 20 horas, e ao remate do mesmo, o acto contará cun coloquio co director Emilio Fonseca, e a coprodutora e coguionista, Xiana do Teixeiro.
Sinopse de ‘Salvaxe, salvaxe’
Cheiras iso? Para texer as sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos. Estas imaxes afástanse da representación da pureza virxinal asociada aos paisaxes naturais do noroeste da Peníncula Ibérica, conscientes do intenso modelado da acción humana. Ser unha criatura salvaxe aquí é ser salvaxe asediado. ‘Salvaxe, salvaxe’ rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico xunto a un equipo de investigación universitario. Atravesa así unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio, enfrontándose ao relato audiovisual feito de imaxes-simulacro do natural-salvaxe.
Nun tempo de colapso e catástrofe ecolóxica, este ensaio fílmico interroga as lindes entre o doméstico e o indómito, entre o puro e o híbrido. A película busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia sen necesidade de reprensentalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontros (con lobos).
‘Salvaxe, salvaxe’ é un antidocumental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada á cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados.
O documental recibiu a Biznaga de Prata ao Mellor Longametraxe Documental no Festival de Málaga(2024); Premio de Cine Socioambiental na mostra cinematográfica máis importante de América Latina, o Festival mexicano de Guadalajara (FICG, 2024); mellor documental no Festival Internacional de Cine de Tui Play-Doc (2024) pola súa «capacidade de suxerencia, a través dunha abordaxe inmersiva cun inesquecible deseño sonoro, onde o telúrico, o poético, o antropolóxico e o político converxen con fluidez»; mención especial do xurado no Festival de Cine Documental Alcances (2024); Premio do Público á mellor película no Another Way Films Festival (2024); ou o premio á mellor dirección no Festival de Cine OUFF (2024). ‘Salvaxe, salvaxe foi finalista como mellor documental aos Premios Mestre Mateo celebrados esta fin de semana pasada, e estrenarase en cine o vindeiro 21 de marzo.
Emilio Fonseca
Emilio Fonseca (Ourense,1978) é guionista, director, dibuxante, animador e docente en ámbitos da imaxe. En 2008 funda Walkie Talkie Films, produtora na que traballa con linguaxes documentais e experimentais. É autor dos ensaios sobre antropoceno, simulacro e delirio “Somos plaga” e “Soy muro”, da serie de pensamento Soy Cámara do CCCB; do libro ‘Imágenes: un dominio público’ (VVAA, CCCB, 2020) e das pezas televisivas “Queimar o monte” e “Tallers Sonors”. Participou no proxecto de arte e cooperación internacional “Chaco Ra’anga (AECID), para a cal creou o cómic documental sobre conflictos ecosociais Verde invisible (AECID, 2024). ‘Salvaxe, salvaxe é o súa primeira longametraxe cinematográfica.