Rego esixe ao Goberno sobre Altri: “Non financien o espolio da Galiza”

«Ou está co pobo galego ou está co espolio e a destrución do noso territorio» advirte o deputado do BNG ao Ministro de Industria

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Ministro de Industria do Goberno que non destine nin un só euro público ao proxecto de macrocelulosa de Altri, en Palas de Rei, ao que cualificou como «bomba ambiental no corazón da Galiza». O BNG alerta que, de financiar con recursos públicos este proxecto, o Goberno estaría atravesando unha liña vermella para a organización nacionalista e estaría a traizoar os intereses de Galicia.

Durante a sesión de control ao Goberno no Congreso, Rego denunciou con contundencia a barbaridade que supón o macroproxecto de Altri, que provocará contaminación das augas, polución ambiental, destrución de hábitats singulares e perda de biodiversidade polo impulso dunha maior eucaliptización de Galicia. «Afectará negativamente a actividade agraria e gandeira da zona, o turismo sustentábel arredor do Camiño de Santiago e a actividade pesqueira e marisqueira da Ría de Arousa, provocando a perda de centenas de postos de traballo» apunta.

O deputado do BNG acusou a Xunta de Galicia de actuar como «valedora dos intereses do loby pasteiro e do eucalipto, con epicentro en ENCE na Ría de Pontevedra» e de outorgar unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) «máis que dubidosa», asinada por persoas con vínculos directos con ENCE. Ademais, critica que Altri pretenda recibir 250 millóns de euros do PERTE de descarbonización, un financiamento público que, segundo advirte, «sería un insulto para o pobo galego e un escándalo de magnitude maiúscula».

Rego afirma que o Goberno xa non ten marxe para ambigüidades: «A sociedade galega exixe unha resposta clara. Ou está co pobo galego ou está co espolio e a destrución do noso territorio». Neste sentido, o Ministro de Industria sinala que a DIA aprobada pola Xunta de Galicia «é independente do procedemento de concesión de axudas» do PERTE. «Unha Declaración de Impacto Ambiental moi condicionada nun proxecto que se move nun entorno con altos valores e recursos paisaxísticos» di.

O deputado nacionalista, de forma contundente, advirte ao Goberno que a aprobación deste financiamento marcaría un antes e un despois na relación entre o BNG e o Goberno estatal. «Esta é unha liña vermella. Se o PSOE cede a Altri, estará traizoando Galiza de forma imperdoábel. A maioría social galega non o perdoaría nunca» asevera.

O BNG reitera que non permitirá que o futuro de Galicia sexa hipotecado en favor dun modelo produtivo colonial e depredador. «O noso país non pode ser un simple territorio para que grandes multinacionais saqueen os nosos recursos e destrúan o noso medio. Se o Goberno central permite isto, terá a Galiza en frente» conclúe Rego.

A hemeroteca non acompaña a Altri nin a Xunta de Galicia

O Ministro de Industria, Jordi Hereu, lembrou que o proxecto de Altri se presentou como un proxecto de microfibras téxtiles sustentábeis. «Á medida que se concretaron os detalles do proxecto, fóronse constatando as diferenzas comezando porque a maior parte da produción que se prevé é de celulosa» sinala.

Comparte éste artículo
No hay comentarios