A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña pon en marcha neste ano 2025, coa financiación da Xunta de Galicia, e en colaboración co Concello de Ortigueira, a 5ª edición do Programa de Formación Universitaria Específico para os adultos maiores, que se desenvolverá entre os meses de marzo e abril, no Teatro da Beneficencia, en Ortigueira.
A inscrición, que é gratuíta, poderá realizarse de xeito on-line a través do espazo web UDC Sénior As Pontes (https://universidadesenior.org/ortigueira/) ou presencialmente a través do Departamento de Cultura do Concello de Ortigueira, dende o 22 de marzo ata o 2 de abril.
O programa consta de tres módulos, con sesións teóricas e prácticas, impartidas, en dous días a semana, por profesorado da Universidade da Coruña, nas que se abordarán diferentes temáticas:
MÓDULO I: HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
- 7 de abril: «A Dirección Artística no Cine», Profa. Victoria de León Sanjuán
- 8 de abril: «A xestión do común: Unha visión desde a economía e os comics», Prof. Manuel Gómez Suárez
- 23 de abril: «Literaturas do Mundo: unha viaxe á orixe dos libros», Profa. Elena Martín Cancela
MÓDULO II: CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
- 28 de abril: «Historia dalgunhas invasións biolóxicas en Galicia e a súa xestión actual», Profa. Mª José Servia García
- 29 de abril: «ADN Antigo e Evolución Humana: unha viaxe ao pasado a través dos nosos xenes», Profa. Gloria Mª González Fortes
- 5 de maio: «Descubrindo a Intelixencia Artificial: retos, aplicacións e ferramentas», Prof. Álvaro Michelena Grandío
MÓDULO III: CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
- 12 de maio: «Enfermidades Cardiovasculares e Diabetes», Prof. Luis Saleta Canosa
- 13 de maio: «O Cambio Climático: causas e consecuencias», Prof. Salvador Fojón Polanco
- 19 de maio: «Boas Prácticas para o Coidado do Benestar Psicolóxico», Prof. Carlos Freire Rodríguez
Clausura e xornada cultural na Coruña
O Programa formativo rematará cunha xornada de visitas académicas e culturais na Coruña, onde terá lugar o acto de clausura e entrega de diplomas, o día 20 de maio de 2025.
Con este Programa, a Universidade Sénior achégase un ano máis ás persoas maiores de 50 anos de Ortigueira e a súa comarca, coa intención de seguir dando resposta as súas inquedanzas e necesidades formativas como ven facendo desde a súa primeira edición o ano 2021.