Catuxa Salom e Os Bugis actuarán na noite do venres 18 no Malecón. As degustacións estarán amenizadas por actuacións musicais e haberá Cantos de Taberna polos bares de Muxía
A XXVII Festa do Congro chegará a Muxía os vindeiros 18 e 19 de abril cunha programación especial que inclúe a degustación do típico congro no porto de Muxía, música en vivo e concertos. Catuxa Salom e Os Bugis actuarán na noite do venres no Malecón e a música tradicional terá tamén un espazo protagonista cos Cantos de Taberna e as actuacións de distintas formacións da comarca. O evento está organizado por Muxía Cultural, un proxecto do Concello de Muxía e Horta Creativa.
Muxía celebra en Semana Santa unha das festas gastronómicas con máis arraigo na vila: a Festa do Congro. Dende 1997 celébrase esta festa que exalta un dos produtos máis típicos da zona, ofrecendo a degustación do congro nas súas diferentes variantes: en empanada, á plancha, en salpicón… Este ano a celebración terá un formato moi especial, xa que a típica degustación estará acompañada por unha ampla programación de concertos e actuacións de música en vivo.
Programación completa
A festa comezará o venres 18 coa tradicional degustación de congro no porto de Muxía. O xantar terá un prezo de 5 euros e poderase degustar o congro nas súas diferentes elaboracións: á plancha, en empanada de millo ou trigo, e en salpicón. Incluirá unha cunca de viño. Será a partir das 13:00 horas, e estará amenizado coa música tradicional das Abaladeiras.
Á noite Muxía encherase de música cos concertos de Catuxa Salom e Os Bugis. Será no Malecón ás 22:00 horas, e promete ser unha velada moi animada.
A celebración continuará o sábado 19 coa degustación de mexillón ás 13:00 horas no Paseo Marítimo. Estará amenizada polo folk dos Xaramiños do Corpiño.
Á tardiña a festa seguirá cos Cantos de Taberna polos bares de Muxía. Do Ribés, Nin Chica nin Patacón e Os Queloutros serán os encargados de animar o ambiente entre as 20:00 a 23:00 horas e poñer o peche á XXVII Festa do Congro.
Dende Muxía Cultural animamos a todas as persoas de dentro e fóra da comarca a participar desta Festa do Congro para disfrutar deste delicioso peixe tan importante para a vila, e de dous días cheos de música.
Sobre Muxía Cultural
Muxía Cultural é un proxecto do Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa que ten o obxectivo de crear unha escena cultural forte en Muxía, poñendo en valor todo o que a vila e a comarca teñen que ofrecer, e organizando eventos que combinen a tradición, a gastronomía, a contorna e o patrimonio da zona.
Por escena cultural entendemos a unha comunidade con oportunidades e comprometida culturalmente, o que, consecuentemente, fai recoñecible a un territorio. Dende esa idea nace este proxecto para que Muxía se converta nun referente cultural, ofrecendo unha rica programación para a xente que vive na comarca, e tamén para todas as persoas que a visitan cada ano.
A Festa do Congro é o primeiro evento da programación de Muxía Cultural e nas vindeiras semanas iranse dando a coñecer novas datas.