Preséntase o libro Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega, publicado por Xerais. Carlos Callón: «Antes que no papel, a nosa literatura escribiuse na memoria e no vento»
Este sábado 5 de abril, a partir das 12 horas, a Fundación Granell de Santiago de Compostela acollerá a presentación nacional do libro Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega, da autoría de Carlos Callón e publicado por Edicións Xerais. O acto, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, contará coa participación do propio autor e do narrador oral e director teatral Quico Cadaval.
Esta obra marca o comezo dun ambicioso proxecto de Callón, profesor no IES San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela, para divulgar a historia da literatura galega, ofrecendo unha visión accesíbel e atractiva para o público xeral. A saída deste volume coincide, ademais, coa dedicatoria do Día das Letras Galegas ás cantareiras, o que acrecenta un valor especial á reflexión que propón sobre a literatura de tradición oral. A acollida está a ser tan positiva que, en poucas semanas desde a súa chegada ás librarías, xa tivo que ser reimpreso debido á alta demanda.

Para Callón, «a literatura tradicional galega é unha herdanza viva, que nos conecta cun sólido pasado e nos inspira para o futuro; perdela sería perder unha parte importante de nós e un valioso legado de Galiza para o conxunto da humanidade». Tamén sinala que «a oralidade é o primeiro libro da nosa historia. Antes que no papel, a nosa literatura escribiuse na memoria e no vento».
A presentación constituirá unha oportunidade única para achegarse a esta nova obra e para gozar da sabedoría e do humor de Quico Cadaval, quen partillará a súa visión sobre a literatura galega e a súa importancia na identidade do noso pobo.