Javier Arias reúnese cos novos directores dos centros educativos públicos da provincia de Lugo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe na sede da Xunta cos novos directores e directoras dos centros docentes públicos da provincia lucense que asumen o cargo tras o proceso ordinario convocado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para renovar as direccións que finalizaron o seu mandato. Na xuntanza tamén participou a directora territorial da Consellería, Sagrario Sánchez.

Para o curso 2025-26 haberá 41 novos directores e 28 renovaron o posto – estes últimos tamén foron convocados á reunión-. No encontro abordáronse aspectos relativos á organización e funcionamento da Dirección Territorial da Consellería, ao obxecto de facilitarlles aos cargos de nova incorporación a información necesaria para o desenvolvemento das tarefas que asumen.

Tamén se trataron as instrucións de organización de cara ao vindeiro curso, que xa foran avanzadas polo conselleiro Román Rodríguez no seo da Xunta Autonómica de Directores e Directoras. Nesta ocasión, incídese especialmente en cuestións como o reforzo da autoridade do profesorado e da persoa que ocupa o posto de dirección, a loita contra o acoso escolar, as actividades complementarias ou a regulación do tempo de ler dentro do horario do alumnado, fundamentalmente en Primaria.

Comparte éste artículo
No hay comentarios