José Tomé saca músculo e formaliza a súa candidatura ás primarias do PSdeG-PSOE en Lugo con 760 avais

O  Alcalde de Monforte de Lemos e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, formalizou este luns a súa candidatura para revalidar o liderado do socialismo lucense, presentando 760 avais na sede do partido na cidade de Lugo, situada na rúa Salmón. Estivo acompañado polos representantes da súa candidatura, Gloria Prada e Pablo Rivera Capón.

«Hoxe quero falarvos con emoción, con humildade e con moito agradecemento. Presento oficialmente a miña candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo. E fágoo con forza, con ilusión e, sobre todo, cun profundo compromiso co noso partido e con todos os lucenses», expresou Tomé.

O dirixente socialista agradeceu «de corazón o apoio e a confianza de tantos compañeiros e compañeiras que, desde todas as comarcas, agrupacións grandes e pequenas, veteranos e novas incorporacións, quixeron avalar este proxecto común».

Os 760 avais presentados supoñen unha ampla maioría respecto aos necesarios, e reflicten un respaldo que vai máis alá do formal: «Sen vós, sen a militancia, nada disto sería posible. Grazas polas vosas palabras de ánimo, polo voso traballo e polo compromiso diario co noso proxecto político», recoñeceu Tomé.

Tamén tivo palabras de respecto cara a quen apoia outras opcións dentro do proceso interno: «Quero mostrar o meu respecto máis absoluto a quen decidiu avalar a outra candidatura, a encabezada por Iván Castro. Este é un partido profundamente democrático, onde todas as voces teñen cabida. A pluralidade enriquécenos, e eu sempre estarei do lado do respecto e da convivencia interna. O proceso de primarias sempre é un proceso enriquecedor e democrático, onde os militantes deciden co seu voto. E eu como fixen sempre, sométome a o seu veredicto e confío plenamente no seu apoio maioritario».

Coa candidatura xa presentada, Tomé inicia agora unha nova etapa de contacto coa militancia: «Vou percorrer a provincia, falar con cada agrupación, escoitar as inquedanzas, compartir propostas e, sobre todo, construír xuntos un proxecto colectivo. Un proxecto que non nace dunha persoa, senón dunha idea compartida: seguir facendo do Partido Socialista a forza transformadora da provincia de Lugo».

O actual Secretario Xeral defendeu que a súa candidatura representa continuidade, pero tamén renovación e impulso: «Queremos consolidar os nosos gobernos municipais, recuperar espazos, conectar coa cidadanía e construír unha provincia máis xusta, máis cohesionada e con máis oportunidades».

José Tomé lembrou que o PSdeG-PSOE é moito máis ca unha organización política: «É unha forma de entender a vida, un compromiso co ben común, coa igualdade, coa xustiza e coa defensa do público. É o partido que estivo sempre ao carón da xente e que seguirá estando».

«Teño orgullo de ser socialista e de pertencer a esta familia dende hai moitísimos anos», concluíu Tomé. «Quero seguir sendo o voso Secretario Xeral para seguir sumando, para seguir servindo á militancia e para fortalecer, entre todos e todas, un partido con ideas claras, con cabeza e con corazón. Porque somos o partido da xente, o partido que transforma e o partido que nunca se rende, dende a tranquilidade, a seriedade e o respecto institucional, tal como levamos demostrando nestes seis anos á fronte da Deputación e os tres anos que levo como Secretario Xeral na provincia de Lugo».

Comparte éste artículo
No hay comentarios