Antas de Ulla prepárase para celebrar unha nova edición da Festa da Xuventude

O programa inclúe actividades infantís, a Ruta do Elefante coa Charanga Eravisto e unha gran verbena con París de Noia e Discomóbil Casanova.

Mañá, mércores 16 de abril, o Concello de Antas de Ulla organiza a XII Festa da Xuventude, unha cita na Praza Nova dirixida á mocidade da localidade.

As actividades comezarán ás 16:00 horas cunha tarde infantil na pista do CEIP de Antas de Ulla. A participación será gratuíta e incluirá unha pista americana e xogos dirixidos por monitoras, cun formato pensado para a infancia e as familias.

Ás 20:00 horas, terá lugar a Ruta do Elefante, un percorrido polas rúas da vila amenizado pola Charanga Eravisto. A partir das 23:00 horas, comezará a verbena na Praza Nova, que contará coas actuacións da orquestra París de Noia e da Discomóbil Casanova.

Durante toda a celebración haberá postos de comida dispoñibles e un Punto Violeta, co obxectivo de garantir espazos seguros e libres de violencias machistas.

A organización tamén habilita un servizo de autobuses con distintas rutas desde localidades próximas. O primeiro percorrido vai dende Lalín e pasa por Rodeiro, Chantada, Taboada e Monterroso. A segunda ruta comeza en Agolada e continúa por Melide, Palas de Rei e Monterroso.

Ademais, póñense á venda camisetas e suadoiros, por 10 e 20 euros respectivamente,  conmemorativas da festa, que poden encargarse por WhatsApp ou adquirirse en varios establecementos do municipio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios