A Asociación Cultural Entre a Néboa bota a andar en Lugo

O proxecto nace coa intención de difundir a lingua e cultura galega entre a mocidade mediante distintas actividades que axuden a dinamizar a vida artística da cidade e dos seus arredores.

Presentouse na praza da Mosqueira, en Lugo, a Asociación Cultural Entre a Néboa. A iniciativa, segundo informan dende a directiva, xermola co gallo de “fortalecer o tecido cultural do entorno a través de encontros onde a tradición estará moi patente”.  Precisamente, este ano no que se homenaxea ás cantareiras polas Letras Galegas, os integrantes desta proposta asociativa desexan sumarse tamén ao recoñecemento: “ O logo, autoría de Alba Buide, xa manifesta o compromiso que queremos manter coa nosa herdanza musical, pois cabo da muralla e a néboa aparece unha pandeireta”, explica Brenda González, a presidenta da asociación. 

Asemade, González salienta que Entre a Néboa ten un obxectivo moi claro que é o de espallar a lingua e historia galega entre a mocidade: “Consideramos relevante que a xente nova teña acceso a puntos de reunión onde haxa espazo para o estudo ou a reflexión en torno ás nosas tradicións”, afirma para a continuación lembrar que tamén están moi interesados en apoiar variadas disciplinas artísticas. Por ese motivo, algunhas das aspiracións futuras de Entre a Néboa son as de organizar concertos, coloquios ou talleres que contribúan á vitalidade cultural en Lugo.

“Ademais, confiamos en establecer diálogos xeracionais que poden ser moi estimulantes, pois é un xeito de que a xuventude se achegue a quen os precedeu para seguir o ronsel”, aseguran. En mente teñen xa ideas concretas nas que están a traballar e que presentarán nas vindeiras semanas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios