Touro ten alcalde, pero non ten vergoña

A historia é vella, pero segue fedendo como un barril de peixe podre. Cambian os nomes, os cargos, as caras nos carteis electorais… pero en Touro, como en tantos concellos do rural galego, o caciquismo leva traxe novo e móvese con aires de impunidade.

O actual alcalde, Roberto Castro Rocamonde, do Movemento Veciñal de Touro, chegou ao poder coa promesa de facer política diferente. Iluso quen o crera. A realidade é que goberna como os de antes, pero sen disimulo, sen decoro e sen respecto polas normas máis básicas da democracia municipal.

Touro perderá 1.000.000 de euros

A última? Aprobar o POS por decreto, sen acordo plenario, cando as bases da Deputación son claras coma a auga: o plan debe ser aprobado polo pleno. Pero aquí non se pregunta, aquí mándase. O resultado: a Deputación denegará a solicitude e Touro perderá 1.000.000 de euros. Un millón. Por soberbia. Por ignorancia. Por desleixo.

Mentres tanto, a mentira convértese en ferramenta habitual. O alcalde afirma que el é quen decide as obras. Falso. As obras decídeas o pleno, porque así o establece a norma. Pero claro, hai que ter valentía para negociar e altura para gobernar. E aquí falta das dúas.

Mentres non hai avances no centro de día, nin no centro de transformación de produtos agrarios, nin sequera formigón nas cunetas, repártense medio millón de euros en aglomerados asfálticos entre varias parroquias, sen criterio público nin transparencia. Porque non se busca o ben común, senón manter contentos a uns cantos.

As actas das xuntas de goberno son outra farsa. Dez xuntas nos tres últimos meses do ano pasado, e só se aprobaron cousas en catro. As outras? Decorado. Aparencia de traballo. Mentres, o traballo real escorrega entre decretos e silencios.

E quen lle fai fronte? Ninguén. Os seus socios de goberno calan. O Movemento, que viña a cambiar as cousas, converteuse nunha pantasma. O seu portavoz asiste aos plenos para quentar cadeira, cobrar e mirar para outro lado. Cando máis falta fai valentía, aparece a covardía envorcada en silencio.

O mesmo alcalde que antes criticaba o “chiringuito” do anterior goberno, agora reparte contratos entre tres empresas como se repartisen barallas nunha taberna. A hipocrisía non é nova, pero aquí alcanza niveis de sarcasmo.

Touro non merece isto. Non merece gobernantes que se rían da lei, do pleno nin da xente. Non merece perder cartos por culpa de quen non sabe, non quere ou non pode. Non merece políticos que manipulan datos, que ocultan información e que gobernan coa prepotencia do que se cre impune.

O que merece Touro é decencia. É diálogo. É responsabilidade. É políticos que gobernen para todos, non para os seus. Pero para iso fai falta algo que aquí brilla pola súa ausencia: vergoña.

Comparte éste artículo
1 comentario