O sindicato rexeita o criterio económico argumentado pola empresa, pois no último exercicio coñecido presenta beneficios millonarios
O Sector de Medios de Comunicación, Cultura e Deporte da FSC-CCOO expresa o seu «absoluto rexeitamento» á decisión do Faro de Vigo de despedir recentemente dous profesionais con dúas décadas de antigüidade. Trátase dunha medida unilateral da empresa, que nin sequera se puxo en contacto coa representación legal das persoas traballadoras, que neste caso corresponde integramente a CCOO.
«Estamos ante unha actuación gravísima, especialmente nun medio que presume de boa saúde económica, cando menos no último exercicio económico coñecido, con beneficios millonarios», asevera Teté Pérez, coordinadora do sector en CCOO. «Non aceptamos que se recorte por abaixo mentres se consolidan os beneficios por arriba. Iso é socialmente inaceptable e profesionalmente insostible», engade a sindicalista.
Asemade, a coordinadora do Sector de Medios de CCOO tamén pon o foco na responsabilidade da Xunta de Galicia, que cada ano destina cantidades millonarias aos medios de comunicación a través de subvencións, convenios e subscricións institucionais. Para o sindicato, este investimento público debe estar suxeito a compromisos claros en materia de emprego e calidade informativa.
«A cidadanía ten dereito a saber que parte dese diñeiro remata en empresas que desmantelan redaccións e ignoran a lingua galega, mesmo en iniciativas financiadas con fondos para a súa promoción. Desde CCOO esiximos que se establezan criterios rigorosos: calquera empresa que reciba cartos públicos, debe cumprir cunhas condicións laborais e sociais dignas», reivindica Teté Pérez.
Canto aos despedimentos no Faro de Vigo, CCOO esixe que a empresa rectifique e reincorpore as persoas afectadas. De non facelo, o sindicato usará «todos os instrumentos ao seu alcance», advirte a coordinadora do sector.