Trátase dun evento benéfico para recadar fondos e concienciar sobre a saúde masculina que se desenvolve en máis de 1.000 cidades de todo o mundo, unha trintena de España.
As rúas de Lugo serán de novo un dos escenarios da Distinguished Gentleman’s Ride (DGR), a ruta solidaria en moto que se celebrará o vindeiro 18 de maio en máis de 1.000 cidades de todo o mundo. O evento conta co apoio da Xunta de Galicia e foi presentado hoxe na Delegación Territorial polo delegado, Javier Arias, e o promotor da cita na capital lucense, Eusebio Pajuelo.
Os participantes na DGR deben pilotar motocicletas de estilo clásico e vintage e levar vestimenta de gala. O obxectivo do evento é concienciar sobre a saúde masculina e recadar fondos para a organización benéfica Movember, que financia iniciativas contra o cancro de próstata e testicular e os problemas de saúde mental nos homes.
Lugo é a única cidade galega entre a trintena que secundan a convocatoria en España. Os organizadores prevén reunir unhas 150 motos, como nas edicións anteriores, que farán un percorrido en horario de tarde polas rúas da cidade e rematarán cunha concentración na praza Maior. O pasado ano uníronse ao evento máis de 115.000 moteiros e moteiras en todo o mundo, conseguindo recadar arredor de 7 millóns de euros.
As inscricións poden realizarse a través da web gentlemansride.com; tamén se poden facer doazóns ou obter información sobre os programas cos que colaboran e sobre o desenvolvemento da actividade nos diferentes países do mundo, incluídas actualizacións do número de persoas rexistradas e da recadación que vai alcanzando cada sede.