O PP alerta de que PSOE e BNG fixeron obras que agravaron ou crearon novos puntos negros de inundación en Lugo

O vicevoceiro do Grupo Popular, Ramón Cabarcos, denunciou esta mañá que os episodios de choiva intensa, como o vivido o pasado 11 de abril, volveron poñer en evidencia a mala xestión do goberno bipartito en materia urbanística e ambiental. “En 25 anos non foron quen de arranxar os problemas de sempre, e agora, alí onde fan obras, crean outros novos”, advertiu Cabarcos.

Durante a rolda de prensa, Cabarcos sinalou varios puntos concretos da cidade nos que o executivo local realizou intervencións que, lonxe de mellorar a situación, agravárona  (Lamas de Prado, Fingoi de Abaixo, Calzada da Ponte, a rotonda do Impulso Verde ou Serra de Meira). «Fixeron obras sen ter en conta aspectos básicos como a pendente dos terreos, a evacuación de augas ou a integración co sistema de drenaxe existente», explicou.

“PSOE e BNG practican unha política de escaparate, baseada en obras para a foto, sen análise técnico nin visión a longo prazo. Actúan como se o chan fose un decorado. Lugo non precisa máis maquillaxe urbana: precisa planificación, rigor e accións útiles”, afirmou o concelleiro popular. (Lugo precisa responsabilidade, planificación e accións reais, non anuncios para tapar a súa inacción.

Cabarcos tamén criticou a falta de humildade e diálogo do bipartito: “No pleno de 2023 presentamos un plano detallado cos puntos negros da cidade, elaborado polo noso grupo a partir de visitas ao terreo e achegas veciñais. PSOE e BNG votaron en contra. A súa soberbia impídelles aceptar propostas que non sexan da súa autoría, aínda que sexan boas para Lugo”.

Para concluír, advertiu: “Non é que non fixeran nada. É que o que fixeron, fixérono mal. Lugo non pode seguir pagando os erros dun goberno sen previsión, sen control e sen resultados. O PP seguirá traballando con propostas serias, escoitando aos técnicos e á veciñanza, porque temos claro que gobernar non é pintar nin parchear, é planificar e resolver

Comparte éste artículo
No hay comentarios