A xornada de folga convocada polo persoal da tenda Froiz de Caranza rematou cun seguimento masivo por parte do cadro de persoal, alcanzando o 95%, o que imposibilitou a apertura do establecemento ao público durante todo o día.
Este éxito de participación demostra, unha vez máis, o fondo malestar existente entre as traballadoras e traballadores da tenda situada na rúa Juan de Austria, tras a decisión da empresa de retirar o servizo de vixilancia privada. Unha medida incomprensible que, tal como xa denunciamos, volveu xerar medo e inseguridade entre o persoal, despois dun período no que se conseguira recuperar un clima laboral tranquilo e protexido grazas á presenza dese servizo.
Desde a sección sindical de CCOO Servizos queremos agradecer e poñer en valor o compromiso e a unidade do cadro de persoal, que hoxe deixou claro que non está disposto a tolerar máis retrocesos nas súas condicións de traballo.
Seguiremos esixindo:
Restablecemento inmediato do servizo de vixilancia privada.
Formación específica para afrontar situacións de risco.
A creación dun protocolo eficaz ante situacións de perigo.
Se a empresa mantén a súa negativa a garantir un entorno de traballo seguro e digno, continuaremos coas mobilizacións.