O BNG esixe a cobertura urxente das prazas de pediatría e enfermaría pediátrica en Carnota

O deputado Oscar Insua denunciou o desmantelamento do servizo depediatría en Carnota e critica o voto en contra do PP á iniciativa nacionalista.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Óscar Insua, presentou unha proposición non de lei na Comisión 5ª do Parlamento para exixir a recuperación inmediata dos servizos de pediatría e enfermaría pediátrica no centro de saúde de Carnota, que levan case un ano sen cobertura. A iniciativa, que foi rexeitada polo PP, pon de relevo a precarización sanitaria que sofren os veciños e veciñas deste concello e a falta de compromiso do Goberno galego coa sanidade pública. 

Dende 2024, as familias de Carnota denuncian a ausencia dun pediatra fixo, obrigándoas a desprazarse a Muros para atención básica. A situación agravouse coa eliminación da enfermaría pediátrica en marzo, deixando sen revisións, vacinas ou curas específicas aos menores. A resposta da Consellería de Sanidade foi redirixir as consultas a médicos de atención primaria sen formación pediátrica específica, contravindo protocolos internacionais que exixen triaxe por especialistas. “Vostedes están desmantelado a sanidade para dicir que a pública non vale para nada e incentivar a privada” salientou.

O deputado nacionalista acusou ao PP de «aniquilar a sanidade pública» para favorecer a privatización, xa que, mentres clínicas privadas ofrecen estes servizos, a Xunta “noncubre as prazas públicas”. Ademais, a medida incumpre a Lei de Impulso Demográfico de Galiza, que garante protección sanitaria infantil en concellos rurais.  

A pesar da gravidade do caso, o PP votou en contra da proposta nacionalista, negándose a garantir un dereito básico. Oscar Insua cualificou de «inadmisible» a actitude do PP e anunciou que o BNG seguirá loitando pola sanidade pública universal e de calidade en todos os concellos galegos.  

Comparte éste artículo
No hay comentarios