Néstor Rego reclamará a Óscar Puente a mellora e ampliación dos servizos ferroviarios actuais que permitan un transporte ferroviario adaptado á realidade galega.
A vindeira semana, o Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, formulará unha interpelación urxente ao Ministro de Transportes, centrada na necesidade de mellorar e ampliar os servizos ferroviarios existentes na actualidade e de acometer actuacións inmediatas e estruturais que garantan un transporte ferroviario digno, eficaz e adaptado as necesidades da Galiza.
Rego reclamará medidas concretas para mellorar tanto os servizos ferroviarios como as infraestruturas pendentes, sinalando que a situación actual continúa a ser insatisfactoria malia os compromisos adquiridos polo Goberno español no marco do Acordo de Investidura co BNG.
Aumentar as prazas e as frecuencias na Galiza
En materia de servizos, o deputado nacionalista subliñará a urxencia de aumentar as frecuencias e o número de prazas nas liñas ferroviarias galegas, atendendo as demandas reiteradas das plataformas de persoas usuarias. Estas, denuncian que, malia o chamado Plan de Puntualidade, os problemas de capacidade e accesibilidade ao servizo seguen sen solución.
Ademais, o BNG incidirá na problemática da venda limitada de billetes, que actualmente só permite a compra cun mes de antelación, obrigando ás persoas usuarias a estar pendentes da apertura semanal da venda, o que xera incerteza e dificulta a planificación de viaxes. “É inadmisíbel que en pleno século XXI sigamos cun modelo de xestión ferroviaria tan precario e centralista” apunta Rego.
O Bloque tamén defenderá a necesidade dun servizo ferroviario óptimo e universal, tanto no Eixo Atlántico, como nas liñas AVANT e FEVE, para garantir a mobilidade en condicións de equidade para todas as galegas e galegos. “Transportes debe aumentar as prazas e as frecuencias que ofrece no servizo ferroviario galego. Frecuencias que atendan as necesidades das e dos galegos” reivindica Rego.
Impulsar as actuacións estratéxicas pendentes
En canto ás infraestruturas, o BNG lembrará os compromisos adquiridos polo Goberno no Acordo de Investidura, dos que aínda varios permanecen sen executar. Entre estas actuacións, Rego destaca a necesidade de axilizar a implantación das cercanías ferroviarias na Galiza.
“A modernización urxente da liña A Coruña-Lugo, seguindo o exemplo da actuación na Lugo-Ourense asinada no anterior Acordo de Investidura, e mesmo o impulso decidido ao Corredor Atlántico ferroviario, desde Ferrol até a saída sur de Vigo, cumprindo o prazo comprometido de finalización en 2030” enumera o deputado do BNG no Congreso.
“A Galiza precisa dunha rede ferroviaria do século XXI, conectada, moderna e pensada para as persoas” finda Rego, quen insistirá na interpelación na necesidade de que o Goberno pase das promesas aos feitos.