O Castro de Viladonga súmase este sábado á celebración da ‘Noite os Museos’ cun completo programa de actividades para todos os públicos, con motivo da conmemoración do Da Internacional dos Museos o vindeiro 18 de maio.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou que o museo e o castro de Viladonga -que dependen da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude- «son referentes para entender a nosa historia e identidade, e debemos difundir o seu valor entre as novas xeracións con actividades lúdicas como esta, nas que a cultura se vive, se sente e se comparte».
Durante toda a tarde haberá xogos populares para nenos e nenas a cargo do grupo Xotramu e ás 18,00 horas actúa A Casa da Troula, unha formación de música tradicional galega que procede do barrio bilbaíno de Rekalde. Unha hora despois actuarán Branca Villares e as cantareiras, en homenaxe tamén ao Día da Letras Galegas, que se celebra o 17 de maio e este ano está adicado ás transmisoras do cancioneiro galego. A partir das 20,30 horas ofreceranse aperitivos e a festa rematará cunha queimada.