Miguel Fernández propón transformar a antiga estación de autobuses de Lugo nunha residencia pública e nun gran parque urbano

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, presentou un ambicioso proxecto integral para transformar a actual estación de autobuses de Lugo e a súa contorna nun novo espazo de referencia para a cidade, unha vez que entre en plena actividade a nova estación intermodal. A proposta socialista aposta por rehabilitar boa parte do edificio para acoller unha residencia pública de maiores e un centro de día, ademais de converter a superficie das antigas dársenas nun gran parque urbano interxeracional.

«Facerse maior non pode significar perder o contacto coa cidade na que un viviu toda a vida. Queremos que os nosos maiores sigan preto das súas familias, dos seus veciños e dos lugares que sempre formaron parte da súa vida», destacou Fernández durante a presentación da iniciativa.

Unha residencia pública para saldar a débeda da Xunta con Lugo

O proxecto sitúa como eixo prioritario a creación dunha residencia pública de titularidade autonómica, nunha cidade que actualmente apenas dispón de 272 prazas públicas repartidas entre os centros das Gándaras e da Milagrosa. Os socialistas lembran que os sucesivos gobernos do PP na Xunta —primeiro con Feijóo e agora con Rueda— non ampliaron esta oferta pese a superar os 100.000 habitantes, advirtindo ademais de que as prazas concertadas en centros privados non cobren as necesidades reais.

A iniciativa aproveita a estrutura do actual edificio na planta baixa para habilitar un centro de día, mentres que a cuberta se acondicionaría como unha ampla zona axardinada de lecer. Deste xeito, búscase un novo modelo de coidados integrados na cidade, próximos ao comercio, á cultura e aos servizos, evitando o illamento das persoas maiores fóra dos seus barrios.

Un bosque urbano galego e dinamización da contorna

A segunda gran actuación céntrase en demoler parcialmente a ala leste e retirar as antigas dársenas para abrir o espazo cara á Muralla e á Praza da Constitución. No seu lugar proxéctase un bosque urbano galego dotado de:

  • Árbores autóctonas, zonas de sombra e percorridos peonís accesibles.
  • Xogos infantís, áreas de actividade física para adultos e espazos para terrazas que impulsen a hostalería local.
  • Elementos de homenaxe e recuperación da memoria do antigo Campo da Feira, cunha escultura conmemorativa e un mural artístico adicado aos maiores.

O concepto interxeracional é a chave da proposta: un espazo onde a infancia, as familias e as persoas maiores compartan espazos públicos, axudando tamén a combater activamente a soidade non desexada.

Mellora da mobilidade e integración na estratexia «Lugo 10»

A intervención contempla reordenar a circulación para reducir o tráfico en superficie, estudando un tramo soterrado entre a rúa Cidade de Vigo e a contorna do Vello Cárcere. Así mesmo, propón unha lanzadeira de transporte urbano ata a nova intermodal e unha conexión peonil mecanizada entre a Praza Conde de Fontao e Porta Falsa.

Esta medida enmárcase dentro da estratexia Lugo 10, coa que o PSdeG define as prioridades de desenvolvemento da cidade para a próxima década, esixindo planificación, previsión de futuro e a implicación directa da Xunta de Galicia en materia de infraestruturas sociosanitarias.

Comparte éste artículo
No hay comentarios