A Limia: “Auga Limpa Xa!” volve á carga contra as administracións pola contaminación

A plataforma ve necesario que, ante a denuncia, Sanidade realice un estudo epidemiolóxico rigoroso e que as consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural activen as medidas para reducir a contaminación por nitratos, bacterias e pesticidas.

A plataforma veciñal AUGA LIMPA XA retoma a súa actividade na Limia e comarcas lindeiras en apoio á demanda presentada por veciñas e veciños das Conchas (Lobeira) contra a Xunta de Galiza, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os concellos de Bande, Muíños, Lobeira, Trasmiras e Os Blancos por «permitir durante décadas» a contaminación do encoro das Conchas.

Auga Limpa Xa -que en xaneiro do 2019 deu forma a todo un movemento social que nestas comarcas viña mostrando desde principios de século a súa preocupación pola perda de calidade das augas superficiais, os acuíferos e os encoros-, advirte que as augas da Limia están contaminadas, tal e como constatan os datos oficiais e demostran os estudos científicos que acompañan á demanda.

As augas contaminadas constitúen un risco para a saúde humana, mais as Administracións levan décadas mirando para outro lado, agochando os datos, mentres a poboación toda da Limia estivo e está exposta aos efectos desta contaminación sobre a saúde.

Despois de anos de traballo, alertando ás autoridades, realizando medicións e informando á veciñanza, denunciando a contaminación e documentando a súa orixe, o movemento social do que naceu a plataforma conseguiu que as Administracións se sentasen na Mesa da Limia e se propuxesen elaborar o denominado Plan Estratéxico da Limia, co fin, expresado por todos os actores convocados, de corrixir o problema da contaminación. Mais nada se fixo. Todos os anuncios e promesas foron incumpridas.

A contaminación foi a peor, tal e como sinalaron este venres en Xinzo nunha convocatoria de Auga Limpa Xa, un dos veciños de Lobeira que asina a demanda e un dos peritos que elaborou informes que respaldan o que se está a denunciar.

Auga Limpa Xa quere mostrar a través deste primeiro comunicado o seu apoio ás veciñas e veciños das Conchas que presentaron esta demanda. Entendemos que esta denuncia servirá para aclarar moitas cuestións: a primeira, as causas degradación augas da Limia; segunda, o tipo de contaminación que estamos a padecer e a cantidade de masas augas afectadas; e, en terceiro lugar, levará a cargos públicos autonómicos e locais a ter que responder por que non fixeron nada durante todos estes anos de alertas continuadas.

Hoxe, de acordo cos promotores da demanda e coa urxencia que esixe a situación, pensamos que se deberían tomar medidas:

  1. un estudo epidemiolóxico que permita coñecer a dimensión real do risco para a poboación, acción que debeu emprender hai anos, xa alertada, a Consellería de Sanidade.
  • unha actuación inmediata sobre as fontes da contaminación, por parte das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural activen as medidas para reducir a contaminación.
  • a Confederación Hidrográfica Miño-Sil terá que aumentar os puntos de toma de mostras aos Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín, e instar á Xunta de Galicia a declarar a Zona Vulnerábel por contaminación de nitratos.

Nas próximas semanas, a plataforma anunciará as primeiras accións informativas a respecto deste grave problema de saúde pública que pode afectar aos habitantes da Limia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios