Unha vitoria fronte a ADFRO daría o ascenso a Segunda División.
Nova xornada de emocións para o Club Santo Domingo Betanzos nestas últimas xornadas da temporada 24/25. Nesta ocasión, e mentres comezan a poñerse en marcha as distintas copas premium zonais (as antes
coñecidas como “copa primavera”), a atención dos seareiros vai estar centrada no equipo de Terceira Divisón, La Goleta Santo Domingo, que volve xogar no Carregal (pavillón José María Valeiro Iglesias Tocayo) este domingo ás 17h. Os “Bad Boys”, primeiros do seu grupo na Fase de Ascenso a Segunda con 3 vitorias en 3 partidos, reciben o seu inmediato perseguidor, o ADFRO da Coruña, no que pode supor o seu billete directo cara á división superior. Así, se os betanceiros logran sumar unha vitoria, a matemática situaría xa o equipo en Segunda ao relegar ao seu rival, único equipo que podería disputarlle á praza, a un 2/2 a falta de 2 xornadas co average perdido.
O partido non vai ser doado -os betanceiros gañaron por só 6 puntos na primeira volta- pero se dunha cousa fai gala este equipo, o máis veterano do club, é pelexar ata o último momento temporada tras temporada.
Pola súa parte, o equipo B despedirá a temporada en Teo fronte a Galogrín o sábado á tarde.
Arranque das copas para a canteira
No que toca á canteira, xa quedan poucos equipos disputando as súas ligas, entre eles as mini de Coruña Interiores (domingo 17.30 en Compañía de María B) e os premini. O resto de equipos (a excepción das júnior de Infor-B, que renunciaron a xogala para engrosar o equipo sub-22) comezan a copa: as cadetes de Decornaveira fronte a Arteixo e os cadetes Rojo fronte a Xiria, mentres que os infantís da Piccola, as rapazas de Warnier e o Grelo cadete, descansan na primeira xornada. Pola súa parte, os infantís de J. Caamaño Arquitecto de Primeira División, tras o terceiro posto acadado na liga, arrincan a Copa Xunta de Galicia en Pontevedra medíndose ao Boa Vila Basket o domingo ás 17h.