O luns, día 19 cúmprense 25 anos, que o Deportivo da Coruña deunos a maior alegría futbolística das nosas vidas, conquistando aquela Liga lendaria. Un cuarto de século despois, en lugar dunha celebración unánime e emotiva, o que temos é un sainete digno de Valle-Inclán. ¿A identidade coruñesa? Diluíuse máis ca un azucreiro no café, e con ela, a de todos os sufridos seareiros que nos repartimos por Galicia, España e ata nos confíns do universo.
O esperpento está servido en bandexa de prata. Dúas celebracións! Unha, a oficial do club, parece máis unha operación de marketing exprés para facer caixa que unha homenaxe á historia. Camisetas plaxiadas que dan calafríos e que pouco teñen que ver coa xesta de Makaay, Naybet, Víctor, Romero, Fran, Djalminha, Mauro Silva, Manuel Pablo, Donato e compañía. A outra, a que organiza o Concello da Coruña, é unha macrofesta para todos os públicos.
Despois de ler as entrevistas en La Voz de Galicia ao director xeral e conselleiro do RC Deportivo, Máximo Benassi, e ao concelleiro Gonzalo Castro, non saio do meu asombro. Levo máis de 45 anos cubrindo a información do Deportivo e xamais vira as palabras voar tan libres de fundamento, coma se se cociñaran macarróns á italiana nunha pota das nosas avoas, onde os domingos se facían callos para a familia. A sensación que tiven, primeiro foi a dos macarróns, logo foron como notas desafinadas saíndo dun piano.
Parece que Máximo Benassi aínda non captou a esencia do galego. Somos pacientes, si, pero non nos gusta que nos tomen o pelo. E o que é peor, nin sequera se esforza en disimulalo. A venda do club, entre que si e que non, a identidade perdida, as celebracións a medias tintas… ¿É que ninguén no Deportivo entendeu que a historia e o sentimento non se venden ao peso coma se fosen retallos?
Augusto César Lendoiro
Pero a cousa non remata aí. Neste vodevil da celebración, hai un elefante na habitación que Escotet, Benassi e compañía se empeñan en ignorar, ao creador daquela xesta. Falamos de Augusto César Lendoiro. Por moito que intenten borralo do mapa, a historia é teimuda e ten memoria.
Os xogadores que escribiron a historia deportiva do RC Deportivo non chegaron coma o «Platanito» á porta do estadio de Riazor pedindo unha oportunidade; Lendoiro foi quen os fichou, a todos, desde os cracks ata o adestrador, Javier Irureta. Por moito que o actual Consello se esmere en non mencionar o seu nome, é como intentar tapar o sol cun dedo. No club, francamente, demostran moi pouca intelixencia. Con este esquecemento intencionado, o único que están facendo é construír un ídolo aínda máis grande do que xa era. Aquel que un día, no balcón do Concello, coma se fose un visionario, soltou aquela frase: «Barça, Madrid, xa estamos aquí!» ¡E vaia se estivemos!
Intentar reescribir o pasado a conveniencia é un exercicio inútil e, para colmo, contraproducente. A afección non esquece, e a xesta de hai 25 anos ten un nome e uns protagonistas moi claros. Ignoralos é, simple e chairamente, un insulto á intelixencia do deportivismo.