O PP de Lugo leva ao Senado o abandono da estación de Moscán e reclama a súa posta en valor ao servizo dos veciños do Páramo

O Partido Popular da provincia de Lugo denuncia o abandono que sofre a estación ferroviaria de Moscán, situada no municipio do Páramo, e anunciou a presentación de dúas preguntas escritas no Senado para que o Goberno de España dea explicacións sobre a situación desta infraestrutura e a adaptación da súa denominación á realidade territorial.

Os senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, acompañados polo alcalde do O Páramo, Benjamín García, ofreceron unha rolda de prensa na propia estación para visibilizar unha situación que simboliza “o progresivo desmantelamento dos servizos ferroviarios no rural galego”.

Os parlamentarios populares lamentaron que “a estación foi construída, pero nunca utilizada” polo que se preguntan “cal foi o motivo para facer un investimento e, posteriormente, non darlle utilidade”. Ao seu xuízo, esta decisión supón privar aos veciños dun servizo público e desaproveitar unhas instalacións de titularidade estatal.

A través da primeira iniciativa rexistrada no Senado, o PP reclama ao Executivo que explique por que razóns a estación ferroviaria de Moscán non presta actualmente servizo de viaxeiros nin realizan parada nela os trens que circulan pola liña. Así mesmo, solicita información detallada sobre as actuacións de conservación e mantemento que ADIF leva a cabo nas instalacións, a periodicidade coa que se realizan e o investimento destinado a estes traballos durante os últimos oito anos.

Os senadores consideran necesario coñecer se o Estado destina recursos públicos ao mantemento dunha estación que permanece inutilizada para os cidadáns, ao tempo que demandan unha planificación que permita recuperar o seu uso e poñela ao servizo dos veciños do Páramo e da súa contorna.

A segunda das preguntas refírese á denominación da estación ferroviaria, que continúa facendo referencia a outro municipio, xerando confusión e prexudicando a correcta identificación da súa localización. Neste sentido, lembraron que o Pleno do Concello do Páramo aprobou solicitar formalmente a ADIF e ao Goberno de España o cambio de nome da estación para adecualo ao seu emprazamento real.

Por este motivo, o Grupo Popular no Senado pregunta se o Goberno ten previsto modificar a denominación da estación situada no municipio do Páramo para dar cumprimento ao acordo plenario. No caso de que non exista esa intención, reclama que se expliquen as razóns que impiden atender unha demanda institucional que consideran plenamente xustificada.

Os representantes populares defenderon que ambas iniciativas se centran en garantir un trato xusto para o rural lucense e en defender os intereses do municipio. Así mesmo, censuraron que o Goberno de Sánchez desatenda as infraestruturas ferroviarias do rural lucense e instan ao Executivo a recuperar servizos, aproveitar os recursos públicos existentes e responder ás demandas formuladas polas administracións locais.

«O Páramo merece contar cunhas infraestruturas ferroviarias útiles e cunha estación correctamente identificada co municipio no que realmente se atopa. O Goberno de Sánchez ten a obriga de ofrecer explicacións e, sobre todo, de actuar», concluíron os senadores populares.

Comparte éste artículo
No hay comentarios