O Atlantic Pride 2025 completa o seu cartel cun ‘revival eurovisivo’ con David Civera, Kuve e Anabel Conde

Inés Rey presentou esta mañá o cartel completo do ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará do 6 ao 13 de xullo na cidade.

David Civera, Kuve e Anabel Conde súmanse ao cartel da sexta edición do Atlantic Pride, que, da man destes tres novos artistas, converterá a derradeira xornada da súa sexta edición, o domingo 13 de xullo, no mellor ‘revival eurovisivo’. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a presentación do cartel completo do ‘Orgullo do Norte’, que conta co apoio do Concello da Coruña. A rexedora estivo acompañada polos directores do festival, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos.

«A nosa cidade convértese cada verán nun faro para o turismo LGTBI, consolidando un posicionamento diferencial dentro do panorama turístico nacional e internacional. Con eventos como este, reforzamos a nosa identidade como destino aberto, tolerante e vibrante», sinalou a alcaldesa, que tamén estivo acompañada no acto pola responsable de márketing de Coruña The Style Outlets, María Ferrer.

Entre o 6 e o 13 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a sexta edición do Atlantic Pride. O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-. Neste 2025, a cita propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. Ademais de David Civera, Kuve e Anabel Conde, no seu cartel destaca a presencia de bandas e artistas como Judeline, Edurne, Jimena Amarillo, Nia, Merche, Paula Koops, David Civera, Mayo, Kuve, De Ninghures, Turista Sueca, Anabel Conde, Agoraphobia, Alana, Leria, Elba e Rivadulla. 

Pola súa banda, aos pratos das pinchadas do Atlantic Pride 2025 estarán Sofía Cristo, Cascales, Coolnenas, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS. Ademais, á cita co ‘Orgulllo do Norte’ coruñés neste 2025 non faltarán, tampouco, as drags Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Ariel REC & Gaylicia, Liteah, Yasmine Lutar, Kelly Amethyst, RRRITA y Escarlatina Pier.

No acto de presentación do cartel completo do evento celebrado esta mañá na Coruña, o co-director do Atlantic Pride Iván Cervo fixo un repaso das novidades que lle agardan ao público nesta sexta edición do encontro, e desvelou, tamén, o programa por días do festival, que pódese consultar na web www.atlanticpride.es. Cervo convidou, tamén, a todos os públicos a sumarse á festa e gozar da diversidade deste ‘Orgullo do Norte’ coruñés.

Deste xeito, tres das voces máis emblemáticas e icónicas da música popular española das últimas tres décadas serán as encargadas de botar o pano da sexta edición do Atlantic Pride o domingo 13 de xullo nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. David Civera, estrela do pop español que alcanzou fama internacional ao representar España en Eurovisión 2001, logrando o mellor posto do país en máis de dúas décadas co seu éxito Dile que la quiero. Visita este verán a cidade herculina coa súa xira «Grandes éxitos 2025»  coa que repasará un rico repertorio de grandes cancións que forman parte da memoria musical de toda unha xeración.

Xunto a David Civera estará Kuve, o alter ego de Maryan Frutos Maíquez, unha forza imparable do pop electrónico contemporáneo. Con catro álbums e múltiples participacións en grandes citas de renome, a artista mestura de maneira brillante o indie-rock con sons sintéticos, entregando directos cheos de enerxía e potencia. Tras ser finalista no Benidorm Fest 2025 co seu sinxelo LOCA XTI, chega ahora ao Atlantic Pride da Coruña, cunha música conecta diferentes xeracións e estilos nun espectáculo vibrante e moderno.

Finalmente, Anabel Conde, unha voz histórica do Festival de Eurovisión de 1995, onde acadou un memorable segundo posto co celebrado tema Vuelve conmigo, amosará como mantén viva a súa pegada e o seu compromiso coa música pop máis actual.

Da man destes tres artistas, a xornada de clausura do Atlantic Pride 2025 será unha oportunidade única para gozar dunha noite repleta de emoción, talento e diversidade musical, que promete conectar o pasado, o presente e o futuro da música pop española nunha experiencia inesquecible.

«O Atlantic Pride marca, para moitas persoas, o comezo das nosas numerosas festas e eventos. É unha festa que invita a volver cada ano, que deixa pegada e que sitúa á nosa cidade como epicentro da celebración do Orgullo no norte peninsular», indicou Inés Rey.

IV Certame de Literatura LGTBI

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que celebrará a súa 6ª edición do 6 ao 13 de xullo de 2025 na Coruña. Máis aló da súa programación musical, o Atlantic Pride impulsa, tamén, o Certame de Literatura LGTBI, coa idea de tecer unha rede de cultura e activista. 

Trátase dun concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, que neste 2025 celebra a súa cuarta edición. O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI. As obras deben ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI, e poderán presentarse até este sábado, 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€). 

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (na súa xornada de clausura, o domingo 13 de xullo), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do IV Certame de Literatura LGTBI do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival.

Comparte éste artículo
No hay comentarios