O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar á Xunta a creación do Gran Parque Central de Lugo

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo Responsábel Local, Antón Bao, presentaron a campaña de recollida de sinaturas que lanza o BNG para reclamar a construcción do Gran Parque Central de Lugo no espazo da actual estación de Autobuses unha vez entre en funcionamento a nova intermodal. Arroxo afirmou que o BNG conta cunha proposta «seria e que ten o consenso da veciñanza», e que permitirá avanzar «na transformación urbana da cidade creando un gran parque verde de máis de 27.000 metros cadrados, integrando os xardíns da Praza da Constitución e conectando coa Praza de Bretaña e o Vello Cárcere».

O BNG lanza esta proposta recollendo a idea que no pasado contou cun gran apoio por parte da veciñanza ante, dixo Antón Bao «a falta de proxecto do Partido Popular desde a Xunta de Galiza, cuxa mellor proposta foi levar á xente de Lugo a comprar a un centro comercial da Coruña e deixar este espazo intacto».

Rubén Arroxo destacou que o Gran Parque Central suporá unha transformación importante para Lugo, creando un gran pulmón verde integrado no casco histórico e ao pé da Muralla. A proposta feita polo BNG inclúe a creación dun paso soterrado para vehículos que una a rúa Dinán e a avenida Anxo López Pérez «eliminando na práctica o tráfico rodado nesta zona», explicou Arroxo.

O BNG propón tamén a creación dunha parada para as liñas de transporte interurbano que desexen parar nesta zona da cidade, mantendo o resto do espazo como o que defuniu «o Parque Central de Lugo, unha nova praza verde integrada no casco histórico».

A proposta defendida polo BNG reclama á Xunta de Galiza que elabore este proxecto «buscando consenso social e político», e afirmou que «coa renovación do espazo da actual Estación de Autobuses, a Xunta ten que aproveitar a oportunidade de demostrar que quere investir en Lugo e mellorar a cidade».

Comparte éste artículo
No hay comentarios