O PP critica as prioridades de PSOE e BNG en Pol que “pagan a calefacción nas gradas do campo de fútbol mentres o alcalde ten o Concello arruinado”

Tanto Antonio Ameijide, voceiro na Deputación, como Nicole Grueira, voceira en Pol, condenan que socialistas e nacionalistas “sigan a dar cartos a Lino Rodríguez para cumprir os seus caprichos” mentres o Concello ten máis de 3.5M€ de débeda, non paga a provedores ou non arranxa as pistas e camiños municipais.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, e a voceira do PP en Pol, Nicole Grueira, condenan que PSOE e BNG “paguen 46.029,70€” ao alcalde de Pol para que puxese calefacción nas gradas do campo de fútbol.

Antonio Ameijide denuncia que “PSOE e BNG deben de medir moito mellor” a que destinan fondos provinciais xa que “ninguén pode entender como se paguen case 50.000€ para poñer calefacción nun campo de fútbol, mentres o alcalde ten máis de 3.5M€ de débeda e nos meses do inverno non houbo calefacción no Concello porque o alcalde non pagaba as facturas do gasoil”.

Ante esta situación, o Grupo Provincial Popular pedirán acceso e copia do expediente ‘Instalación de climatización nas gradas do campo de fútbol e honorarios técnicos’ por un importe total de 46.029,70€ para fiscalizar toda a documentación porque “é un verdadeiro despropósito ver como se pagan facturas de actuacións non urxentes”.

Neste senso, o voceiro provincial popular recorda como “hai poucas semanas xa criticamos esta actuación porque non consideramos ético nin prioritario que José Tomé subvencione dende a Deputación que o alcalde de Pol poña calefacción nas gradas do campo de fútbol mentres o propio alcalde non pagaba as aportacións da residencia de maiores”.

Neste senso, Antonio Ameijide recorda como a propia Deputación viuse na obriga de reter 41.876,25€ (dun convenio para actuacións nas gradas do campo de fútbol e polideportivo municipal) tras ver como o Concello de Pol non cumpriu coas súas obrigas na residencia de maiores e debía 157.858,71€.

A débeda do Concello de Pol coa Deputación de Lugo vén derivada de varios incumprimentos ao non achegar á institución provincial:

– 55.225,46€ da aportación do Concello de Pol ao convenio de xestión compartida do centro de maiores do municipio, anualidade 2022

– 73.274,54€ da aportación do Concello de Pol ao convenio de xestión compartida do centro de maiores do municipio, anualidade 2023

– 29.358,71€ da aportación do Concello de Pol á construción do centro de maiores do municipio

“Unha débeda que tamén comprobaremos se xa está saldada porque senón quedará claro que a actuación de PSOE e BNG retendo esa partida non foi máis que unha pantomima”, sentenciou.

Pola súa banda, a voceira popular en Pol, Nicole Grueira, pide “sentido” ao alcalde e a PSOE e BNG na Deputación de Lugo porque “os fondos son necesarios para dar resposta a moitas necesidades básicas existentes en Pol, en lugar de seguir despilfarrando no campo de fútbol”.

Nicole Grueira amosouse moi crítica coas decisións que está a tomar o alcalde nos últimos meses. “Non se pode permitir que o alcalde gaste miles de euros en mercar edificios que logo se abandonan e caen ou en seguir derrochando cartos sen control en todo tipo de ocorrencias mentres as pistas e camiños municipais están sen arranxar, non se pagan as aportacións da residencia da terceira idade ou os servizos básicos que necesitan todos os veciños non están cubertos”, lamentou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios