Que non vos coman a cabeza con medias verdades! Aquí abaixo, os que pisamos a terra e sentimos a costa na pel, somos os únicos que sabemos o que realmente valen as cousas. Mentres o mundo aínda dorme, nós xa estamos apañando caracois polas silveiras, e nese esforzo, nese madrugón, está a nosa verdade. A súa verdade, a que venden nos medios de comunicación, é outra ben distinta.
Fálase moito dos poliquetos, esas miñocas que os mergulladores recollen con esforzo e risco baixo o mar. Pero o que non se conta é o seu mínimo prezo e as excesivas restricións. Vinte euros por unha bandexa de 120 unidades case roza o tope legal diario, e desa cantidade, evidentemente, non vive ninguén. O mesmo ocorre co prezo en orixe dos caracois, a 3 euros o quilo, ou a ducia de ovos que unha veciña nos vende a 3,50 euros para xuntar uns cartos e mercar fariña ou un saco de millo. Os únicos «ovos de ouro» do mar son as subvencións millonarias que levan os medios de comunicación con cartos de todos nós, os contribuíntes.
Nas anteriores batallas de columnas de xornais contra os pescadores deportivos, sempre gañaron, e perderon os máis débiles e indefensos. Prohibiron a captura de angulas nos ríos, mentres no resto de Europa contan con permisos especiais para a súa captura legal e venda nas lonxas. Aquí, no norte desta Gallaecia, todo está prohibido. E a xente murmura en voz baixa: «Calquera día prohiben ir cagar!». Soa mal, pero están moi acertados.
Na penúltima «guerra» contra os pescadores deportivos, intentaron vendernos a milonga de que con dúas luras pescadas de noite nos peiraos, catro «fanáticos» das poteras se estaban facendo millonarios co seu «gran negocio» nos diques e espigóns dos nosos minúsculos e mal deseñados portos galegos. A «solución»? Un seguro de responsabilidade civil, zonas marcadas en verde nun plano e unhas normas tan disparatadas que afogaron pola borda un «hobbie» inofensivo que nunca molestou a ninguén. A burocracia, unha vez máis, gañoulle ao sentido común.
En voz alto: O «gran negocio das miñocas»
Nas seguintes cruzadas queren convencernos do «gran negocio» das miñocas. Pero fartos de tantos ataques constantes contra a nosa «pax romana», optaremos por esixir que non merquen algún xornal no bar de sempre. E o dono faranos caso, porque os cidadáns de a pé apenas mandamos nada, pero a nosa paciencia tamén ten un límite, que xa desbordou hai moitos anos.
Agora que todo está prohibido, só aspiramos a algo tan sinxelo como poder ir pescar en paz, cumprindo todas esas normas interminables e, a maioría delas, absurdas. Queremos gozar do mar sen molestar a ninguén e, sobre todo, sen que nos molesten os de sempre. Non é tanto pedir. Ninguén se fai rico recollendo miñocas, caracois ou luras, nin vendendo unha ducia de ovos de galiña.
Deixade vivir á xente para que todo siga xirando como sempre xirou. Porque de tanto tirar da corda e de tanto mallar no lombo das vacas, ides quedar sen carro, sen alpendre e sen o voso cortello onde sodes tan felices comendo na vosa inmensa maseira.
Este exceso de prohibicións para a xente de a pé contrasta coa destrución do medio mariño con artes que espolian os recursos, como a pesca de arrastre. Con un medio ambiente arrasado e aniquilado, non se preocupan pola coexistencia das comunidades locais co medio, apostando pola explotación a pequena escala para a subsistencia dos colectivos locais. A morte do rural tamén entra dentro desta sobreprotección dun medio ambiente aniquilado, unha hipocrisía burocrática inxusta que temos que tolerar por imposición legal.