UGT: Miles de persoas énchen as rúas en Galicia este 11N por salarios dignos, vivenda e control de prezos

Despois dunha xornada de folga xeral que contou en Galicia cun amplo seguimento, deixando polígonos industriais baixo mínimos, un transporte público testemuñal e grandes cidades como Vigo e A Coruña practicamente paralizadas, miles de galegos e galegas saíron ás rúas para demandar salarios xustos, unha vivenda digna e o control efectivo dos prezos.

O paro tivo un impacto económico e social moi visible, reflectido nunha redución do consumo eléctrico de máis dun 12%, superando o rexistro doutras mobilizacións xerais previas. Desde UGT subliñárase que ter un emprego en Galicia, mesmo sendo estable, xa deixou de ser garantía de vivir con dignidade ante a desbocada inflación.

Inicio da manifestación en Vigo

Unha resposta frontal contra a avaricia inmobiliaria e a precariedade

A convocatoria impulsada por UGT e outras organizacións sindicais buscou dar resposta a varios frentes críticos:

  • A insaciable especulación inmobiliaria que mercantiliza o dereito á vivenda.
  • Un modelo empresarial que acumula grandes beneficios sen repercutir nos soldos.
  • A transferencia da subida de prezos aos bens básicos a costa da perda de poder adquisitivo.
  • A necesidade urxente de reforzar a seguridade laboral e os servizos públicos de calidade.

Intervendo na manifestación de Vigo, o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, arremeteu con dureza contra quen cualifica despectivamente de «lixo» aos sindicatos e á cidadanía mobilizada. «Detrás das siglas hai persoas que dan a cara polos seus compañeiros, que defenden os seus dereitos e que negocian convenios. Iso non merece insultos», subliñou. O líder sindical foi taxativo: «Se queren acabar con algo, que acaben coa precariedade, cos salarios que non chegan e cos alugueiros que non se poden pagar».

A Xunta e as administracións ante a emerxencia da vivenda

Medeiros tamén puxo o foco na crise habitacional, lembrando que a vivenda é un dereito fundamental e non un negocio especulativo. Neste sentido, recordou que as comunidades autónomas —incluída a Xunta de Galicia— posúen as competencias centrais nesta materia, polo que exixiu asumir responsabilidades directas: impulsar parque público de aluguer, ampliar vivenda protexida e mobilizar solo dispoñible. «Basta de utilizar a vivenda como arma política mentres miles de familias seguen sen poder acceder a un fogar», sentenciou.

Fronte ás críticas e ás ameazas de determinados sectores políticos, o responsable de UGT deixou claro que a organización mantén a man tendida ao diálogo e á negociación, pero avisou: «A nosa vontade non pode confundirse con debilidade, nin a nosa responsabilidade con resignación».

A xornada do 11N serviu tamén para reclamar unha redución da xornada laboral, mellores medidas de conciliación, maior prevención de riscos laborais e a defensa intransixible dos servizos públicos (sanidade, educación e dependencia) como piares básicos da igualdade social.

Comparte éste artículo
No hay comentarios