O PPdeG reclama ao Goberno central o mantemento da parada de autobús das liñas nacionais no concello de Baralla

A deputada Encarna Amigo trasladou ao alcalde o rexeitamento a esta decisión, que afectará a 850 veciños deste municipio lucense.

A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo trasladou ao alcalde de Baralla, Miguel González, o seu apoio para reclamar ao Goberno central que manteña a parada de autobús neste municipio lucense. “Estamos a falar de arredor de 850 usuarios deste concello que perderán o acceso a un servizo esencial como é o transporte público por estrada e que condena a Baralla ao illamento”, indicou. 

Encarna Amigo rexeitou a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de suprimir 87 paradas de autobús nunha vintena de concellos do rural galego, afectando a máis de 130.000 galegos e galegas que utilizan a diario este servizo.

No seu encontro co alcalde de Baralla, a deputada popular lembrou que o Partido Popular impulsou no Congreso unha iniciativa a través da que se insta ao Goberno central a retirar a proposta de novo mapa de transporte público por estrada e restituír as paradas eliminadas, proposta que non foi apoiada polos deputados socialistas.

ABANDONO INSTITUCIONAL

“O Goberno de Pedro Sánchez está a dar as costas ao rural galego e, mentres fala de cohesión territorial, aplica medidas que expulsan á xente do interior”, lamentou Encarna Amigo, quen apuntou que “Baralla é o mellor exemplo dese abandono institucional ao rural galego”. 

Amigo incidiu no compromiso do Partido Popular co rural e os dereitos da súa poboación. “Non imos consentir que se deixe fóra aos nosos veciños das rutas de transporte público estatal, porque a mobilidade é un dereito básico, non un luxo”, manifestou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios