“Basta de escusas”: O BNG esixe ao Goberno do Estado as compensacións económicas para os mariscadores do Burgo

«O tempo das escusas xa pasou, tense que garantir a continuidade das compensacións e facelo de inmediato con carácter retroactivo desde abril de 2024″defende Rego.

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar con firmeza a irresponsabilidade do Goberno do Estado, así como da Xunta de Galiza, na situación insostíbel que están a vivir as mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo, que levan desde abril de 2024 sen recibir compensación económica algunha malia non poder retomar a súa actividade profesional. O deputado do BNG non Congreso, Néstor Rego, exixe ao Goberno do Estado pór fin a esta situación de inxustiza e desamparo do sector e pagar de inmediato as compensacións económicas até que poidan retomar a actividade.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado polo portavoz municipal do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, a deputada no Parlamento da Galiza, Iria Taibo, e o concelleiro do BNG en Culleredo, Xabier Fernández, mantén unha reunión con representantes dos e das mariscadoras da Ría do Burgo ante a situación de desamparo en que se atopan despois de levar un ano sen recibir as compensacións económicas necesarias polo parón da actividade na Ría do Burgo.

O BNG lembra que a dragaxe da Ría do Burgo foi un fito histórico conseguido grazas ao Acordo de Investidura impulsado pola organización na anterior lexislatura, unha actuación de rexeneración fundamental para garantir o futuro da actividade marisqueira nunha das rías máis estratéxicas do país. Durante as obras, o Goberno do Estado asumiu as compensacións —como era de xustiza—, mais unha vez finalizadas, tanto o Executivo estatal como a Xunta de Galiza “están a botarse as culpas mutuamente para evitar cumprir co seu deber”.

«O que non pode ser é que, mentres as administracións non son capaces de negociar entre elas e poñerse de acordo, as mariscadoras queden abandonadas á súa sorte, sen ingresos, sen solucións e sen respecto» denuncia o deputado do BNG, que volveu demandar «altura de miras» por parte dos gobernos implicados. «O tempo das escusas xa pasou: tense que garantir a continuidade das compensacións é o Goberno do Estado, e debe facelo de inmediato, con carácter retroactivo desde abril de 2024» exixe Néstor Rego.

O Deputado do BNG comprometeuse tamén a trasladar de novo, a preocupación da confraría porque as obras de dragaxe non fosen finalizadas correctamente, especialmente en relación á afectación ao banco do Carniceiro, e que non se sementase ameixa fina (precisamente especie autóctona e de maior valor) como estaba previsto. 

Visitas oficiais sen escoitar ao sector afectado

O BNG tamén quixo criticar duramente a visita do Secretario de Estado de Medio Ambiente aos concellos de Arteixo e Culleredo, onde anunciou actuacións relacionadas coa dragaxe “mais non tivo a decencia” de reunirse coa confraría da Ría do Burgo. “É un insulto a quen leva máis dun ano sen poder traballar e unha mostra clarísima do desprezo do Goberno estatal cara ao sector marisqueiro” denuncia o deputado do BNG.

Do mesmo xeito, a formación nacionalista lembra a reiterada ausencia do Goberno do Estado na Mesa de Negociación da Ría do Burgo, un espazo chave para o diálogo e a solución dos problemas derivados da rexeneración. “Non só non pagan, senón que nin sequera dan a cara. Iso é absolutamente inadmisíbel nun goberno que di defender o medio ambiente e o traballo digno” censura Rego.

O deputado do BNG no Congreso sinala esta situación “non se pode soster máis no tempo” e reitera o seu compromiso firme coa loita das mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo: “Se o Goberno non actúa, estará escollendo abandonar ao sector e ser cómplice directo da súa precarización. Desde o BNG non o imos permitir” sentenza.

Habilitar un punto de control e pesaxe: outra das demandas da Confraría do Burgo

Durante a reunión, o portavoz do colectivo de mariscadores e mariscadoras da Confraría do Burgo, Manuel Baldomir e o seu Patrón Maior, Xabier Mariñas, lembraron o compromiso do anterior Xefe da Demarcación de Costas na Galiza, Rafael Eimil, de concesionar á Confraría o espazo do antigo parque de CUMAGA para que nel se puidese habilitar un punto de control e pesaxe necesario no momento en que se retome a actividade marisqueira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios