Néstor Rego reclama respostas claras sobre os motivos do retraso na autorización das obras e insta o executivo a permitir o inicio inmediato da actuación comprometida pola Xunta.
O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha batería de iniciativas co obxectivo de reclamar ao Goberno do Estado que desbloquee a autorización pendente por parte de ADIF para executar unha actuación de mellora da seguranza viaria na estrada AC-840 ao seu paso por Oza dos Ríos, no Concello de Oza-Cesuras. A obra, comprometida pola Xunta da Galiza desde 2023 e adxudicada hai máis dun ano, continúa sen comezar debido á falta desta autorización, necesaria por afectar ao dominio público ferroviario.
A estrada AC-840, de titularidade autonómica, presenta graves deficiencias en materia de seguranza viaria. A estreita calzada impide a existencia de beirarrúas e obriga á convivencia de vehículos e peóns nun espazo extremadamente reducido. Unha situación que leva anos xerando preocupación entre a veciñanza e que foi reiteradamente denunciada polo BNG.
“O Goberno non pode continuar demorando unha actuación urxente e absolutamente necesaria para garantir a seguridade viaria e a mobilidade da veciñanza de Oza dos Ríos” denuncia Rego. “É inadmisíbel que unha obra adxudicada pola Xunta da Galiza continúe bloqueada por unha autorización que debería estar xa resolta desde hai tempo” engade.
O deputado nacionalista pregunta se o Ministerio de Transportes e ADIF recibiron xa a solicitude formal para autorizar a obra, en que data e cal foi a tramitación seguida. Así mesmo, reclama saber se existe algún informe técnico emitido por ADIF, se foi concedida a autorización e, en caso afirmativo, solicita que se achegue a documentación correspondente.
Rego require coñecer se existen condicionantes técnicos ou administrativos por parte de ADIF que estean dificultando ou impedindo a execución da obra, e que prazos manexa o ente ferroviario para resolver esta cuestión.
“O que reclamamos é vontade política e axilidade na tramitación dunha autorización que resulta clave para iniciar unha actuación longamente demandada pola veciñanza e comprometida institucionalmente” subliña o deputado do BNG.