A Asociación Cidadá Galega Fernando Hoyos chama á participación activa e masiva na manifestación convocada para este mércores 11 de xuño ás 20:00 h, con saída dende o cruce de Vía Norte con Urzáiz, baixo o lema «Paremos o xenocidio. Vigo convoca Palestina».
Como entidade comprometida coa defensa da dignidade humana, coa loita contra todas as formas de opresión e coa memoria viva dos que deron a súa vida por un mundo máis xusto, non podemos calar ante o que está a suceder en Palestina. Estamos a vivir, en tempo real, un xenocidio televisado diante da impunidade da comunidade internacional e coa colaboración explícita ou silenciada de gobernos e institucións que din defender os dereitos humanos.
Non hai escusas posibles cando se masacran crianzas, se destrúen hospitais, se bombardean escolas e se bloquea o acceso a alimentos, auga e medicinas. A situación na Franxa de Gaza é unha ferida aberta na conciencia da humanidade.
Por iso, desde a Asociación Fernando Hoyos, facemos un chamamento á veciñanza de Vigo e bisbarra e de toda Galiza a saír á rúa con determinación e firmeza, para esixir:
- O cesamento inmediato do xenocidio e o alto o fogo permanente.
- O fin do apoio político, económico e militar a Israel.
- O respecto ao dereito do pobo palestino á autodeterminación, á vida e ao retorno.
- A aplicación efectiva da legalidade internacional e o fin da impunidade.
Honrar a memoria do xesuita Fernando Hoyos é tamén responder ao sufrimento doutras vítimas da barbarie, doutras loitas contra a inxustiza e a ocupación. O internacionalismo, como o antifascismo, non entende de fronteiras.
Este 11 de xuño, a nosa voz xunto á do pobo de Vigo e o conxunto do pobo galego uniranse á do pobo palestino: un berro compartido por paz, xustiza e dignidade.
Porque calar é ser cómplice. Porque resistir é existir.