Os representantes do PP reclaman “investimentos e prazos para garantir a conexión coa alta velocidade” e “a construción das variantes de Os Peares – Canabal e Rubián (Bóveda) rexeitadas por Sánchez.
“Lugo volve ser discriminada polo Goberno de Sánchez” en materia de servizos ferroviarios e dende o Partido Popular lucense desenvolven unha ofensiva nas distintas cámaras para reclamar “un servizo do século XXI nas mesmas condicións que outros territorios” o que implica “investimentos e prazos para garantir a conexión coa alta velocidade, que pasa pola construción das variantes de Os Peares – Canabal e Rubián (Bóveda) rexeitadas por Sánchez”.
Tanto os socialistas da provincia – tanto o presidente da Deputación coma o alcalde da cidade que tamén é deputado provincial – coma os seus socios de goberno no Concello, na Deputación e no Estado, os nacionalistas, terán que posicionarse “e deixar claro se están a favor dos lucenses ou dos agravios de Sánchez coa provincia que o propio Fernández recoñeceu dándolle a razón ao que levamos anos advertindo dende o Partido Popular”.
Os populares lembraron en rolda de prensa que, cos horarios de verán implantados por Renfe, Lugo perde o tren madrugador de forma que non será posible chegar a Madrid antes das dúas da tarde (14:08 horas) e quen queira volver no mesmo día ten que saír da capital ás seis e media da tarde (18:30 horas), polo que só podería estar na cidade unhas catro horas. Pero, ademais, Renfe eliminou o servizo que prestaba en autobús entre Ourense e Lugo á última hora de forma que non hai conexión do AVE coa cidade das murallas ás dez da noite (22:00 horas).
A presidenta e voceira municipal do PP, Elena Candia, fixo fincapé en que “a redución das frecuencias evidencia a falta de peso político do alcalde” e subliñou que, co anuncio das propostas que pretende trasladar ao presidente de Renfe na reunión do vindeiro día 18, “recoñece que as reivindicacións do Partido Popular son xustas” e que “todo este tempo o PSOE lucense estivo calado mentres Sánchez e o seu Goberno illaban á nosa cidade e á nosa provincia. Non hai que esquecer que Lugo é a única capital de provincia en Galicia e o seu entorno sen conexión coa alta velocidade ferroviaria e que tamén queda fóra do Corredor Atlántico de Mercancías, como mínimo, ata o horizonte 2030” o que supón “a perda de oportunidades” dende o punto de vista económico e social.
Elena Candia recorda como o resultado da xuntanza que mantivo o alcalde de Lugo co secretario de Estado foi “a retirada dun tren con Madrid”.
Os senadores anunciaron varias iniciativas en relación ás previsións e aos prazos que manexa o Goberno de Sánchez para garantir que circulen pola provincia os trens AVE, Avril e Avlo. Ademais, a través dunha moción na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible daranlle un prazo de tres meses ao Executivo para presentar unha “planificación concreta e detallada”.
Os representantes do PP na Cámara Alta afean que co Goberno de Sánchez en Madrid “as cidades da Coruña, Vigo e Santiago gañen servizos mentres que Lugo non só perde os que tiña, senón que non dispón de infraestruturas adecuadas para que os trens circulen a alta velocidade e contará cunha intermodal sen trens” ao estar Lugo excluído das grandes infraestruturas nacionais e internacionais de transporte por ferrocarril.
Os populares aseguran que “de nada serven os 625M€ de investimento na liña Ourense-Monforte-Lugo para a súa electrificación porque seguirán sen poder circular trens AVE pola negativa do Goberno de Sánchez a executar as variantes”. Tamén lembran que “o ministro Puente anunciara durante unha visita á cidade trens lanzadeiras entre Lugo e Ourense dos que tampouco hai rastro” e se “suman á lista de incumprimento do Goberno de Sánchez coa provincia”.
Pola súa banda, os deputados nacionais tamén teñen dirixido iniciativas ao Congreso para esixir explicacións ante a “incomprensible” retirada das frecuencias e a precariedade do servizo na provincia que “lastra a competitividade do noso territorio”.
VOTO EN CONTRA DO PSOE SISTEMATICAMENTE
Antonio Ameijide deulle “a benvida” ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, ás preocupacións que dende o Partido Popular temos trasladado para reverter o illamento ao que nos somete Sánchez despois de anos “votando en contra sistematicamente” de iniciativas para esixir infraestruturas, melloras nos servizos e frecuencias adaptadas ás necesidades reais dos lucenses.
Tamén lembra que “é o Goberno do PSOE, co apoio doutras forzas coma o BNG, o que condenou a Lugo a quedar sen AVE para as vindeiras décadas, o que desconectou a cidade e a provincia do norte de España e de Cataluña e o que, máis recentemente, vén de eliminar frecuencias con Madrid. Lugo tampouco dispón de conexión digna coa Coruña nin conexión directa con Santiago por tren”.
Ameijide tamén cre que “as declaracións do alcalde corrixen ás do seu xefe de filas a nivel provincial tanto no PSOE como no goberno da Deputación, José Tomé, que aseguraba que o tempo de conexión con Ourense sería de 45 minutos cando o Clúster da Función Loxística de Galicia o cifra en 1 horas e 22 minutos”. Ademais, dicía que a velocidade media dos trens, unha vez finalizadas as obras de electrificación da vía Ourense-Monforte-Lugo sería de 160 km/h cando esa só será a velocidade punta máxima e tampouco é considerada alta velocidade ferroviaria”.
Ademais, Antonio Ameijide insiste en que “o único que fixo Tomé polo tren na provincia foi levar a Pardo de Vera como pregoeira das festas patronais de Monforte. Con iso xa está todo dito”.
Pola súa banda, o portavoz de infraestruturas do PPdeG no Parlamento, Gonzalo Trenor, afirmou que “Lugo é a cidade e provincia peor tratada polo goberno de Sánchez” xa que “non cumpren cos investimentos planificados echegan a desaparecer do programa de investimentos do Ministerio”.
“Non se pode permitir que servizos que tiñan todos os lucenses desaparezan xa que chegamos ao punto de que non se pode planificar unha viaxe de ida e volta a Madrid no mesmo día”, lamentou.