O exboxeador Sergio ‘Maravilla’ Martínez ofrecerá unha charla o 2 de xullo na Delegación Territorial da Xunta en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, sinalou que o deportista arxentino desenvolve unha iniciativa para combater o bullying e educar en valores á mocidade.

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá o 2 de xullo unha charla motivacional a cargo do exboxeador Sergio “Maravilla” Martínez,  que  se enmarca na súa iniciativa para combater o bullying e reforzar a autoestima infantil educando en valores como a disciplina, o esforzo e o respecto.

A conferencia “Boxeo y valores para cambiar vidas” chega a Lugo da man do club Team Piña Boxing. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha xuntanza  co seu director e campión de España de boxeo na categoría de peso medio no ano 2017, Alberto Piñeiro ‘El Piña’, para avanzar nos detalles desta colaboración.

A charla dará comezo ás 20.00 horas e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. Está especialmente dirixida á mocidade, familias, deportistas e educadores, e as inscricións poden formalizarse na páxina web metodomaravilla.com.

O boxeador arxentino Sergio “Maravilla” Martínez, que conta no seu haber con 12 títulos mundiais, percorre agora distintos países como creador do Método Maravilla, ben ofrecendo “masterclass” deste deporte ou impartindo charlas motivacionais baseadas na súa propia experiencia deportiva e vital.

Martínez compartirá en Lugo a súa visión sobre o deporte como motor de cambio persoal e social, poñendo o foco no boxeo como ferramenta eficaz para previr e combater o acoso.  Este evento forma parte do lanzamento en Galicia do seu método ou programa de adestramento, que o club Team Piña Boxing incorporará a partir de setembro.

O Método Maravilla é adecuado para persoas de todas as idades e niveis, e inclúe un enfoque específico para reforzar a confianza dos nenos e nenas como clave para o seu desenvolvemento persoal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios