O programa, financiado pola Deputación de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, desenvolveu itinerarios personalizados de intervención social con acompañamento.
COGAMI desenvolveu un proxecto dirixido ao empoderamento das mulleres con discapacidade que viven no medio rural da provincia de Pontevedra, a través da subvención para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero da Deputación de Pontevedra.
Este programa estivo dirixido a mulleres que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade por múltiples factores de desigualdade (por ser muller, ter discapacidade e residir no rural) e contou coa participación de 35 mulleres procedentes dos concellos de O Rosal, Tui, A Guarda, A Cañiza, Nigrán, Covelo e Salvaterra de Miño, ás que se lles ofreceu orientación, información e acompañamento social adaptado ás súas necesidades.
A intervención baseouse no desenvolvemento de itinerarios personalizados como ferramenta de apoio mutuo e resposta individualizada, prestando especial atención ás cuestións relacionadas coa igualdade e a violencia de xénero. Na primeira atención realizouse unha avaliación inicial para planificar a resposta máis axeitada a cada caso, facilitando información especializada sobre recursos singularizados de atención, orientación e asesoramento persoal e social.
Entre as actuacións realizadas incluíronse a resolución de consultas especializadas no eido da discapacidade, intervencións básicas de traballo social, información sobre recursos e servizos dispoñibles tanto específicos para mulleres con discapacidade como recursos normalizados da contorna, así como entrevistas de avaliación para o deseño e seguimento dos itinerarios personalizados cando se considerou o recurso máis axeitado.
Das 35 participantes, con dez mulleres deseñáronse e desenvolvéronse itinerarios personalizados de intervención social con acompañamento. As intervencións abrangueron traballo social básico, apoio e traballo familiar, actividades para o desenvolvemento e control da afectividade, control de condutas de risco, procura de alternativas de vivenda e coordinación con outros servizos da entidade ou externos cando foi necesario.
Ademais da intervención individualizada, as participantes participaron en obradoiros centrados no autoconcepto e a autoestima, no autocoidado e na intelixencia emocional, así como intervención xurídica especializada para a resolución de consultas de carácter legal.
Coa implementación deste proxecto reforzouse a autonomía, a capacidade de decisión e o acceso a recursos das mulleres con discapacidade do rural, contribuíndo a reducir situacións de desigualdade e a previr posibles situacións de violencia de xénero.