O deputado do BNG Luís Bará levou este venres ao Parlamento as inquedanzas da veciñanza afectada pola tramitación do proxecto de polígono agroforestal dos Vilares, na parroquia de San Miguel de Valga. Unha tramitación que, segundo denunciou, fíxose con “total ocultación e falta de transparencia” e de costas aos veciños e veciñas.
Bará fíxose eco na Comisión de Agricultura (ver vídeo aquí), da preocupación das e dos afectados, que recorreron ao BNG ante a falta de resposta por parte do Goberno do PP as súas preocupacións, expostas nun elevado número de escritos, máis de 300, presentados no rexistro da Xunta nos que advirten das consecuencias negativas que pode ter para a saúde e o medio ambiente a transformación do uso dos terreos.
O BNG apoia as reivindicacións dos veciños e esixe maior transparencia a Xunta e Concello para o desenvolvemento dun polígono agroforestal de San Miguel de Valga
“Dámoslle voz no Parlamento á xente que vostedes non atenden”, díxolle o deputado nacionalista á directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez Rivera, que compareceu para dar resposta ao BNG despois de negarse o Executivo do PP a facilitar a información por escrito, unha negativa que Bará cualificou de “auténtica burla” non só ao Parlamento senón tamén aos deputados e deputadas do BNG —que teñen que facer o seu traballo de control ao Executivo— e, sobre todo, á cidadanía.
Bará cuestionou que fose a propia Agader quen actuase de oficio par impulsar este polígono agroforestal que, aínda que a comparecente asegurou que segue en tramitación, “curiosamente” acaba de desaparecer da web e dos mapas da axencia. “Aí hai algunha iniciativa privada que quere acaparar terras co pretexto de que están abandonadas, aínda que estas non o están, coa colaboración imprescindible do Concello e da Xunta”, asegurou.
O deputado do BNG aproveitou a súa intervención para criticar os plans da Xunta sobre os polígonos agroforestais, asegurando que “dos 33 anunciados a bombo e prato desde que empezaron en 2021 están rematados cero” e os máis avanzados, os de Oímbra e Cualedro, tan só representan o 1 % das 9.500 hectáreas que se queren mobilizar. “A este ritmo, tardarán 400 anos”, subliñou.
Así mesmo, Bará afeoulle á comparecente a paralización durante anos do Banco de Terras impulsado polo ex conselleiro do BNG Alfredo Suárez Canal “no mellor goberno que tivemos para o rural” , un instrumento que acabou sendo recuperado polo PP tras “satanizalo cunha campaña infame”, lamentou.