Os senadores do PP condenan a “discriminación” á provincia, “a única capital de provincia de Galicia e o entorno sen AVE” e lembran, ademais, que algunhas obras entre Monforte e Lugo son investigadas pola UCO como posible caso de corrupción do PSOE e do entorno do presidente do Goberno”.
Os representantes do PP lucense esixen dende o Senado ao Goberno de Sánchez que concrete por escrito os compromisos adquiridos con Lugo en materia de infraestruturas e servizos ferroviarios trala recente reunión do alcalde socialista, Miguel Fernández, co presidente de Renfe, Álvaro Fernández.
Ante o malestar social despois de coñecerse que Lugo volvía a quedar fóra das melloras nas conexións de tren; José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano veñen de rexistrar formalmente preguntas para coñecer se o Goberno de Sánchez se comprometeu a incrementar os servizos ferroviarios e a mellorar os horarios da capital da provincia.
Dende o 9 de xuño Lugo perdeu unha conexión con Madrid e o primeiro tren non chega á capital de España ata despois das dúas da tarde. “Mentres outras cidades galegas como Vigo ou A Coruña dispoñen de trens de madrugada para chegar cedo a Madrid, Lugo volve quedar fóra das melloras nas conexións sumando unha nova discriminación despois de que o Goberno de Sánchez condene a Lugo a ser a única capital de provincia galega e do entorno sen conexión coa alta velocidade”.
Fronte aos anuncios de estudos sen prazos nin investimentos concretos, os populares esixen “prazos para aplicar melloras nos horarios” e que o Goberno de Sánchez explique “as razóns que xustifican que non se teñan aplicado xa dende o 9 de xuño en igualdade de condicións que o resto das cidades galegas”.
Os populares lembran que “o Goberno de Sánchez desbotou a construción das variantes de Os Peares-Canabal e Rubián condenando á provincia de Lugo a quedar sen AVE”.
E subliñan, ademais, que “o contrato para a obra de electrificación da liña entre Monforte e Lugo é un dos que está a investigar a UCO como posible caso de corrupción no seo do PSOE e vinculada co entorno do presidente do Goberno”. Ante esta situación, os senadores do PP lucense insisten en que “Pedro Sánchez ten que disolver as Cortes e convocar eleccións xerais”.