A UDC participa no proxecto europeo UrbaQuantum liderando o paquete de traballo de estudos de casos e participación de empresas

Trátase dun proxecto financiado pola Unión Europea a través do programa Horizon Europe coa participación de 18 socios procedentes de seis países que busca transformar a xestión da auga urbana.

A Universidade da Coruña participa estes días en Grecia na xornada de lanzamento do proxecto UrbaQuantum, unha iniciativa que conta coa financiación da Unión Europea a través do programa Horizon Europe, coordinado polo Cyprus Research & Innovation Centre, que busca transformar a xestión da auga urbana. 

Coa participación de 18 socios de 6 países (Chipre, Grecia, Francia, Alemaña,España e o Reino Unido) e unha duración prevista de 4 anos, o proxecto ten como obxectivo establecer un novo paradigma para o manexo integrado da auga urbana (IUWM, polas súas siglas en inglés), abordando desafíos como o cambio climático, a contaminación, a reurbanización desde o punto de vista da auga, os problemas asociados ao envellecemento das infraestruturas de servizos de auga ou o deseño das políticas relacionadas. 

Os seus casos de estudo levaranse a cabo en Atenas (Grecia), A Coruña (España), rexión sudoeste do Reino Unido e París (Francia), enfocándose en aspectos como a mellora dos procesos de tratamento, considerando as novas ameazas, tanto en augas de bebida, para uso recreativo ou residuais, buscando unha mellora na súa calidade, a vixilancia da presencia de microplásticos e a xestión de eventos de desbordamento, a fin de asegurar a seguridade hídrica cara ao futuro, a saúde pública e a resiliencia climática. Trátase de desenvolver solucións prácticas para mellorar a modelización, a detección e a toma de decisións en todas as fases do ciclo da auga. 

A Universidade da Coruña participará, a través do Grupo de Investigación en Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!) no caso de estudo da cidade da Coruña, que se desenvolverá en estreita colaboración coa empresa EMALCSA. Ademais, este grupo coordinará todo o paquete de traballo de estudos de casos e implicación de empresas para todos os países implicados no proxecto.

UrbaQuantum representa unha iniciativa ambiciosa e necesaria para modernizar a xestión da auga urbana. Mediante un enfoque integrado, o desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas e unha forte orientación á aplicación práctica, o proxecto busca non só avanzar no coñecemento científico, senón tamén crear ferramentas que darán forma ao futuro da gobernanza da auga urbana. O éxito deste proxecto podería sentar un precedente importante para abordar os complexos desafíos hídricos a nivel global e asegurar o futuro da auga para futuras xeracións.

Á reunión de arranque do proxecto asistiu o profesor da UDC Moisés Canle, investigador do grupo React!, quen presentou, para debate, as liñas xerais polas que se organizará o importante paquete de traballo que lidera a UDC a través deste grupo en colaboración con EMALCSA, así como os potenciais riscos implícitos nas numerosas tarefas a levar a cabo. Nun futuro próximo terá lugar en A Coruña unha reunión de todos os equipos participantes no desafío tecnolóxico que constitúe este proxecto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios