O BNG denuncia a pasividade do Goberno coa Foxa Atlántica e reclama unha investigación propia sobre o estado dos residuos radioactivos

Demanda á Axencia Internacional da Enerxía Atómica e ao Consello de Seguranza Nuclear un seguimento periódico e rigoroso.

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar con contundencia a inacción e pasividade do Goberno do Estado español frente ao grave problema ambiental que representa o cemiterio nuclear afundido na Foxa Atlántica, a uns 450 quilómetros da costa galega. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego,reclama ao Goberno asumir as súas responsabilidades e impulsar unha misión científica propia para inspeccionar e avaliar o estado dos máis de 225.000 bidóns con residuos radioactivos depositados no fondo mariño desde hai máis de catro décadas.

Néstor Rego advirte da falta total de vixilancia e control sobre esta zona, onde foron deitadas máis de 140.000 toneladas de lixo nuclear procedentes de oito países europeos entre 1949 e 1982, sen que o Estado español realizase ningunha inspección recente nin dese pasos para coñecer o seu impacto ambiental.

“Resulta incomprensíbel e irresponsábel que, despois de máis de corenta anos desde a finalización dos depósitos, o Goberno español non teña promovido unha soa misión científica propia para coñecer o estado real destes residuos perigosos” critica Rego. “O Estado non pode seguir desaparecido frente ao potencial risco do lixo nuclear frente á costa galega” demanda.

O BNG lembra que nestes días unha misión francesa, co do buque oceanográfico L’Atalante, con tecnoloxía submarina avanzada, está a inspeccionar a zona. Esta misión —promovida polo Centre National de La Recherche Scientifique (CNRS)— xa localizou máis dun millar de bidóns e ten previsto continuar en 2026 cunha segunda fase de actuación directa sobre os residuos.

“Non se entende que sendo a costa galega a máis exposta a calquera risco potencial, o Goberno do Estado non impulse unha investigación científica propia, a través do CSIC ou doutras institucións, que permita coñecer a situación real dos bidóns e o seu impacto ambiental” afirma o deputado nacionalista.

O BNG lembra que as únicas inspeccións realizadas até o momento tiveron lugar en 1988 e 1998, e denuncia que nin o Consello de Seguranza Nuclear español nin a Axencia Internacional da Enerxía Atómica teñen realizado ningún seguimento nos últimos 25 anos, a pesar das advertencias de expertos sobre o posíbel deterioro dos bidóns e o risco de contaminación mariña.

“É inadmisíbel que o Estado permaneza impasíbel mentres se descoñece o estado dun cemiterio nuclear nas inmediacións das nosas costas. Non é unha cuestión secundaria, senón un asunto de saúde ambiental, seguranza e responsabilidade internacional” denuncia Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios