Valga: O BNG pide ao goberno municipal actuar xa nas demandas de socias e socios do Cordeiro CF

Fran Devesa, voceiro do grupo municipal do BNG de Valga, preguntou no último pleno celebrado o 25 de xuño de 2025 se o goberno municipal ía atender as demandas dos socios e socias do Cordeiro CF, os cales levan meses reclamando solucións ante o grave deterioro das instalacións deportivas municipais, nomeadamente os dous campos de fútbol artificial de Campaña e no campo de herba natural de Baño.

Ante este total abandono, que é responsabilidade directa da inacción do goberno municipal, o BNG de Valga xa denunciara publicamente en xaneiro as deficiencias existentes nos campos de fútbol de Campaña, reclamando que se atendese as principais necesidades: instalación de novo céspede artificial e novos sistemas de drenaxe, vestiarios con problemas de salubridade, deficiencias coa auga quente e calefacción, ou a mellora da iluminación para garantir a seguridade. Todo para manter estes campos de fútbol en bo estado, mais tamén unha posta a punto de toda as instalacións deportivas municipais, incluído o campo de Baño.

Cómpre lembrar que nos campos de fútbol de Campaña non só xogan os equipos do Cordeiro CF, senón tamén se disputa o campionato de fútbol de veteranos de Valga e organízanse escolas deportivos de verán, polo que o mal estado destas instalacións afecta de maneira directa a moitos veciños e veciñas. Por desgraza, esta situación de abandono non se limita aos campos de fútbol, esténdese a outras instalacións municipais como a pista de pádel de Campaña, que continúa sen iluminación polo que non se pode usar en horario nocturno, ou as pistas polideportivas do Monte de Beiro, que ante a falta dun programa de mantemento, levan anos nun estado de total abandono e non están aptas para a práctica do deporte.

Este deterioro das instalacións deportivas non é un feito illado, senón unha maneira de gobernar que ultimamente está marcada pola falta de interese e a escasa iniciativa para solucionar os problemas, e que se trasladada a todos os ámbitos, o que afecta de maneira directa ao día a día das veciñas e veciños de Valga.

Desde o BNG pedimos que se asuma responsabilidades e actúen de inmediato para garantir unhas instalacións deportivas seguras e dignas, e sobre todo, que o goberno municipal deixe de facer abandono das súas funcións e asuma os traballos de mantemento regulares e periódicos que precisan estas instalacións deportivas co obxectivo de atender de verdade os intereses dos veciños e veciñas de Valga.

Comparte éste artículo
No hay comentarios