O PP denuncia a falta de previsión de PSOE e BNG que coa campaña de verán xa iniciada as estradas de acceso ás praias están sen desbrozar e sen mantemento

Antonio Ameijide considera que o goberno provincial de PSOE e BNG “pon en risco aos usuarios das praias, ademais de xerar unha mala imaxe da provincia” ao comprobar como a maleza dificulta a visibilidade, supoñendo un risco para os usuarios das estradas que levan ata os areais e que percorren estes municipios.

Un ano máis, PSOE e BNG chegan tarde á campaña de verán ao estar sen desbrozar a maleza e o firme sen mantemento na rede viaria provincial, sobre todo naquelas estradas que levan aos turistas ata as praias da Mariña.

Os deputados populares, Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, xunto á alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e concelleiros populares comprobaron como as estradas provinciais están sen rozas, sen o mantemento correspondente e, en moitos casos, cunha sinalización moi deficiente.

Por exemplo, na estrada provincial LU-P-1506 (Cervo) que leva ata a praia de Rueta, a maleza obstrúe parte da calzada dificultando a visibilidade e, polo tanto, “constituíndo un risco para os usuarios”, sen esquecer que “tampoco se realizou o mantemento do firme” habendo numerosos buratos e fochancas que poñen en risco a seguridade.

Antonio Ameijide lamenta esta situación, recordando como “xa pedimos en numerosas ocasións no pleno que o goberno provincial de PSOE e BNG se anticipase a esta época do ano para que as estradas estivesen en perfectas condicións” pero “o que nos volvemos a atopar é que os deberes están sen facer a pesar de que tanto socialistas como nacionalistas sempre responderon que non necesitaban ningún tipo de recordatorio, que a imaxe sería perfecta, cousa que non ocorre”.

Esta situación volve a repetirse un ano máis cos primeiros turistas xa nos areais da Mariña o que dá “unha imaxe moi mala da nosa provincia” e todo pola “alarmante falta de previsión do goberno de PSOE e BNG para acometer os traballos de limpeza das marxes antes da época estival está a proxectar unha mala imaxe da provincia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios