Elena Candia presenta unha tarxeta de benvida para facilitar aos visitantes o acceso á oferta turística e cultural de Lugo

Elena Candia presentou unha nova tarxeta de benvida, que inclúe un saúda da alcaldesa, para facilitar que as persoas que chegan á cidade dispoñan, desde o primeiro momento e cun só clic, de toda a información sobre os recursos turísticos e culturais que ofrece a capital luguesa.

A tarxeta distribuirase nos establecementos hostaleiros, reforzando o papel destes profesionais como primeiro punto de contacto cos visitantes e como prescritores do destino.

O soporte douse a coñecer nun encontro con empresarios do sector no que a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou a importancia de seguir dando pasos para mellorar a experiencia turística, desestacionalizar as visitas e aproveitar todo o potencial da cidade ao longo do ano.

O desenvolvemento turístico ten unha importancia enorme para a economía da cidade e para a creación de emprego. Temos recursos, temos patrimonio e temos moitas posibilidades”, sinalou a rexedora. Candia destacou ademais a necesidade de poñer en valor o conxunto dos recursos locais, ampliando a oferta máis alá dos grandes eventos xa consolidados, como o Arde Lucus ou o San Froilán, e apostando por ámbitos como a rede de museos, o patrimonio cultural, a gastronomía, a natureza ou o Lugo termal.

O Concello recolle as propostas do sector

O encontro serviu tamén para escoitar directamente as necesidades e propostas dos profesionais, quen trasladaron ao Concello a importancia de avanzar na desestacionalización, mellorar a coordinación e garantir unha transmisión de información máis fluída entre a administración municipal e o sector.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego, presentou a iniciativa baixo o lema “Lugo está de moda” e puxo o foco na colaboración cos colectivos locais. “Temos que escoitar ao sector, porque é quen está en contacto diario cos visitantes e coñece de primeira man as súas necesidades”, sinalou.

O edil explicou que esta nova tarxeta de benvida e a Guía Cultural e Turística forman parte da estratexia municipal para facilitar o acceso á información, enriquecer a estancia dos turístas e promover que a cidade sexa recomendada como destino.

Comparte éste artículo
No hay comentarios