A Universidade da Coruña e a Real Academia Galega de Belas Artes colaborarán nos ámbitos da docencia, a investigación e a cultura

Ambas institucións asinan un acordo plurianual que establece fórmulas de cooperación que van desde o intercambio de profesorado e de persoal investigador á participación en proxectos comúns.

A Universidade da Coruña (UDC) e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) veñen de formalizar un protocolo xeral de colaboración co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias e de persoal nos ámbitos da docencia, a investigación e a cultura. O acordo, con duración inicial de catro anos prorrogables por períodos equivalentes, formalizouse oficialmente na Reitoría da UDC, nun acto que contou coa presenza do reitor Ricardo Cao Abad e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, como asinantes do documento.

Ao abeiro deste protocolo, ambas as institucións comprométense a cooperar en diversas liñas de actuación. Entre elas, facilitar o intercambio temporal de profesorado, persoal investigador e profesionais; promover a participación conxunta en proxectos de investigación e desenvolvemento, tanto bilaterais como multilaterais; colaborar en programas de formación de persoal técnico, investigador ou asistencial; prestarse asesoramento mutuo en materias propias da súa actividade; e intercambiar materiais docentes e de investigación, sempre que non existan impedimentos previos. Así mesmo, o acordo recolle a posibilidade de impulsar calquera outra iniciativa que resulte de interese mutuo.

A execución destas accións concretarase mediante convenios específicos que incluirán o plan de traballo, os recursos dispoñibles, as persoas participantes e o financiamento previsto. Para garantir o seguimento do protocolo e o cumprimento dos compromisos adquiridos, crearase unha comisión paritaria integrada por representantes da UDC e da RAGBA.

Con este acordo, ambas as dúas institucións reafirman o seu compromiso de establecer vínculos estables de cooperación académica e cultural.

A Real Academia Galega de Belas Artes

A Real Academia Galega de Belas Artes nace no ano 1849, creadora de iniciativas e comisións de estudo, así como de ensino a prol das artes, museos, publicacións, rehabilitación e revitalización de conxuntos culturais. É un órgano consultivo da administración e desde o ano 1984 institución oficial dependente da Xunta de Galicia e asociada ó Instituto de España das Academias. Está constituída por catro categorías de persoas académicas: numerarias, correspondentes, honorarios e supernumerarios.

A súa sede oficial está no pazo do Real Consulado do Mar da Coruña, onde se instalou definitivamente en 1913, logo de comezar a celebrar sesións nel desde 1898. No ano 1938, este pazo foi destinado a Museo Provincial de Belas Artes e á sede da Academia. A institución posúe o título de “real” desde 1916.

Desde os seus inicios, a Academia impulsou a creación de estudos de belas artes e promoveu activamente a creación dun museo provincial como complemento formativo. Conta na actualidade con sete seccións: Pintura e Gravado, Escultura, Arquitectura, Música, Arqueoloxía e Museoloxía, Artes da Imaxe e Expertos nas Artes. 

Entre as súas funcións destaca o asesoramento á Xunta de Galicia e a organismos públicos en materia de patrimonio e bens artísticos, a organización de exposicións, ciclos de conferencias e concertos, así como a celebración anual do Salón de Outono de Pintura, un certame de pintura contemporánea de recoñecido prestixio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios