O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os traballos se tramitarán pola vía de urxencia coa intención de que estean rematados ao inicio do próximo curso.
A Xunta de Galicia tramitará pola vía de urxencia o cambio de cuberta do CEIP As Mercedes de Lugo, coa intención de executar as obras durante o verán de forma que poidan estar rematadas ao inicio do curso, interferindo o menos posible na actividade lectiva.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou hoxe durante unha visita ao colexio que se renovará o teito en tres volumes das instalacións, exceptuando só a edificación ampliada no ano 2017. Estasepechando o proxecto e o investimento, pero estímase que será necesario substituír en total arredor de 700 metros cadrados de cuberta.
Arias destacou a “resposta inmediata” da Xunta “ante un problema xerado pola absoluta falta de mantemento ordinario dos centros educativos por parte do Concello e que, no caso do CEIP AS Mercedes, derivou nun evidente deterioro da cuberta”.
Agradeceu que a Consellería de Educación entendese que esta actuación “é necesaria e urxente” e recoñeceu “a súa rapidez e implicación para que poidamos chegar ao inicio do próximo curso con esta situación resolta”. Neste senso, transmitiu “tranquilidade” ás familias dos alumnos e alumnas do centro, “porque estamos a traballar para que o colexio teña unha nova cuberta o antes posible”.
O delegado lembrou que o Goberno galego leva investidos no CEIP As Mercedes preto de 700.000 euros desde o ano 2009, dos que 453.000 euros foron destinados á súa ampliación. Así mesmo, reformáronse aulas de infantil e baños e instaláronse novas luminarias, entre outros traballos.
Destacou a aposta da Xunta pola mellora das infraestruturas educativas en Lugo, que se traduce en importantes obras en marcha ou rematadas recentemente. Entre as primeiras sinalou a reforma integral dun dos edificios máis senlleiros da cidade, o conxunto histórico do IES Lucus Augusti, cun investimento de 3,3 millóns de euros e que se prevé estea finalizada para o inicio do vindeiro curso.
Igualmente, acometeuse a rehabilitación integral da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón e dos institutos Ánxel Fole e Nosa Señora dos Ollos Grandes, construíuse a central de biomasa que dá servizo a este e outros edificios públicos da contorna, un novo edificio de cociñas no IES Sanxillao e outro para talleres no CIFP Politécnico, intervencións que suman un orzamento superior aos 9 millóns de euros.