O eco do XXI Congreso do Partido Popular, máis que un clamor, resonou a laios. E non, non nos referimos á música de fondo, senón a ese peculiar estado de ánimo que parece invadir as filas da dereita patria cada vez que se publican unhas enquisas, as de verdade, non as pagadas, esas non aciertan, aínda que creen nalgúns cidadáns tendencia. Na clausura de tan magno evento, nun ambiente que cheiraba máis a «SOS» que a vitoria anticipada, a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, iluminounos cunha frase que, pola súa profundidade e complexidade, deixou a máis dun analista político rascándose a cabeza e á amálgama da manada esquerdista, eses que segundo o rumor andan perdidos nas enquisas, mirando ao aire sen comprender de todo.
A perla en cuestión, que de seguro que se estudará nas universidades privadas de Madrid, como o cumio da retórica política contemporánea, foi: «Un madrileño de Galicia vai devolver España aos españois, como sucedeu na Transición». ¡Eureka! O enigma da esfinge, a clave do Santo Graal, o sudoku definitivo. E o mellor é que nin o mismísimo MAR (Miguel Ángel Rodríguez), é capaz de descifrar a alquimia de tal declaración. Antes da transición, outro «madrileño de Galicia» pintouna de branco e negro.
Entregámonos ao delirio semántico:
«Un madrileño de Galicia»: Esta figura, máis complexa ca un algoritmo de ChatGPT sen depurar, non é só un cidadán con dúas residencias fiscais ou un dilema co acento. É o perfecto híbrido. É a paella con grelos, o cocido con luras á romana, a fusión definitiva que rompe fronteiras autonómicas. Naceu en Madrid, pero veraneou en Sanxenxo? Os seus pais son de Ourense pero el séntese máis de Vallecas? A ambigüidade é o novo negro na moda política, e este «madrileño de Galicia» é o último berro. Unha figura tan versátil que ben podería liderar unha manifestación na Praza de Colón mentres organiza unha queimada virtual dende o whatsapp da sede do partido. É o home orquestra, o comodín, o «todo nun» que a dereita, desesperada ante o auxe de Vox e a matraca incansable de Abascal sobre que «PP e PSOE son o mesmo», precisa inventar para atraer a propios e estraños. Máis a estraños da dereita dereita, os seus están catequizados. Porque, claro, se un é de Madrid e de Galicia, a quen vai defraudar? A ninguén, ou a todos por igual, que é o mesmo, pero máis elegante.
«Vai devolver España aos españois»: Aquí é onde a ironía pon as botas de sete leguas, pero sen gato. Devólvennos España. Que alivio! Onde estaba? Nun trasteiro empoado? Levouna o carteiro por erro? Polo visto, os españois, os auténticos, os puros de corazón (e de pasaporte), perderamos a posesión do noso propio país. Unha especie de desafiuzamento metafísico. E agora, este quixote xeográfico, coa forza dun temporal atlántico e a picardía dun gato de Lavapiés, vén entregárnola de novo. Cun lazada? Cunha hipoteca a tipo fixo? A concreción é o inimigo da poesía, e na poesía política de Ayuso, os detalles difumínanse nunha néboa mística que só os elixidos poden atravesar. A implicación, por suposto, é que a España actual, a que habitamos día a día, non é a «verdadeira España». É unha especie de España de atrezzo, unha mala copia. E só este «madrileño de Galicia» ten o manual de instrucións para resetearna aos valores de fábrica.
«Como sucedeu na Transición»: E aquí, queridos lectores, é onde a frase alcanza o cumio da audacia. A Transición. Ese período idílico, case edénico, onde, segundo a mitoloxía política, todo foi consenso, sorrisos e apertas de mans, e onde os problemas se resolvían cunha caña e unha tapa. Óbvianse, convenientemente, as tensións, os sobresaltos, as ameazas e o suor da fronte de quen a fixeron posible. Comparar o futuro incerto cun pasado idealizado (e simplificado) é a nova forma de conxurar os males do presente. É como dicir: «Imos gañar a Champions como o Real Madrid en 1998», sen ter nin un só balón no campo. Evócase a unidade, a reconstrución, o destino manifesto, suxerindo que o líder ten a mesma capacidade de unir que un bo prato de polbo á feira nunha romaría galega, ou a solidez dun bocata de luras despois dunha noite na Praza Maior.
Mentres tanto, na retagarda, o «GEO» Abascal segue erre que erre coa súa matraca de que «PP e PSOE son o mesmo». E un non sabe se é que a frase de Ayuso é tan profunda que aínda non chegou a entendela, ou se é que a vellez do lema xa é tan evidente que nin coa nova fichaxe «madrileño de Galicia» se consegue disimular a medoza dos políticos do colorín, que, segundo din, andan perdidos nas enquisas. Porque cando o medo aperta, a imaxinación voa… e ás veces, aterra en paraxes lingüísticas que, nin o propio MAR é capaz de clasificar. España necesítanos, e este «madrileño de Galicia» vai nola devolver! Ou polo menos, iso nos teñen dito. E mentres tanto, sigamos buscando as gafas, non vaia ser que a perdamos de novo.