En Lugo xa non fai falta agardar polos Reis Magos nin por Papá Noel para recibir agasallos de balde, e moito menos ir á feira do San Froilán a ver se cae algo. O verdadeiro Apalpador lucense xa non baixa do monte nin trae carbón, chámase Rubén Arroxo e tivo a feliz ocorrencia de baleirar os almacéns do Concello para ir regalando polo rural. Agora, se un vive na aldea, basta con sentar na eira e agardar a que apareza un concelleiro do BNG cun saco ao lombo, repartindo libros e bolsas como quen bota caramelos nuna cabalgata.
O detalle é de ter bo corazón, non se pode negar. O único «pequeno» matiz é que o BNG fai caridade pero coa carteira dos demais, o sexa, de todolas veciñas e veciños de Lugo. Porque eses agasallos que reparten con tanto bo xesto non os paga a militancia nacionalista, nin saen do peto de Rubén Arroxo, senón da caixa común de todos os lucenses.
A concelleira do PP, Mar Carballas, acendeu hai uns días os focos sobre este «despropósito indecente». A cousa é ben sinxela. o BNG estivo a percorrer as parroquias facendo de Papá Noel de garda, pero apropiándose de material cuxo único dono é o propio Concello de Lugo.
A historia, ademais, ten o seu punto de chiste. Conta o PP que, tras a primeira chamada de atención, no BNG lonxe de ruborizarse ou disimular, viñeron a recoñecer que si, que o material existe e que o andaban distribuíndo tan panchos. O que esqueceron aclarar nos estatutos do partido é dende cando a militancia do BNG ten licenza para baleirar os almacéns municipais e facer de mensaxeira privada co que é de todos.
Ante esta insólita confusión entre o institucional, o partidista e o que vén sendo «pillar do público», Mar Carballas teuse que poñer pedagóxica para lembrarlle ao BNG unha noción básica de propiedade: «Ese material non é do BNG. É do Concello».
Por iso, dende o Grupo Popular xa lle pediron ao BNG que faga o camiño de volta, que reabra os almacéns pero esta vez para devolver ata a última bolsa e o último libro. Mentres tanto, todas as olladas apuntan ao tenente de alcalde e líder do BNG local, Rubén Arroxo, a quen lle piden que explique este orixinal sistema de repartición e nos aclare a todos dende cando o Concello de Lugo funciona como o almacén central do seu partido.