O galardón obtido na IV edición do Premio de Investigación en Estudos de Xénero do G-9, polo que obterá unha dotación económica de 1.500 euros e un diploma acreditativo, recoñece a excelencia investigadora no seu traballo.
A profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña (UDC), Belén García Cabeza, vén de ser recoñecida co premio á mellor tese doutoral na IV edición do Premio de Investigación en Estudos de Xénero do Grupo 9 de Universidades (G-9), convocado con carácter estatal e aberto a todas as universidades públicas españolas.
O traballo galardoado leva por título “La (de)construcción de identidades de género de adolescentes migrantes estudiantes de ESO en A Coruña: discursos y prácticas en contrapunto de-desde el sur-sur entorno a feminidades y masculinidades” e foi seleccionado entre as 20 candidaturas presentadas. A entrega do premio, dotado con 1.500 euros e diploma acreditativo, tivo lugar no marco da Asemblea de Reitoras e Reitores do G-9.
A súa tese, que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude no Programa de Doutoramento en Equidade e Innovación en Educación da UDC, analiza desde unha perspectiva cualitativa, feminista e interseccional a influencia do sistema educativo na (de)construción das identidades de xénero en alumnado migrante latinoamericano escolarizado en centros públicos da provincia da Coruña.
Ao longo de sete cursos académicos, Belén García recompilou testemuños de estudantes e profesorado en seis institutos públicos da Coruña, Arteixo e Carballo, empregando entrevistas, grupos de discusión, observación participante e análise documental. A investigación demostra que a experiencia migratoria actúa como un activo identitario, promovendo expresións de xénero máis críticas e plurais, especialmente entre as mozas migrantes.
“Este premio reforza o meu compromiso por continuar investigando educación, sociedade, migracións e identidades, con e desde as marxes, a través dunha óptica que persegue a transformación das aulas para a consolidación de espazos educativos máis xustos, inclusivos e sensibles ás diversidades”, salientou a autora.
O comité avaliador destacou a calidade metodolóxica e a relevancia social da investigación, así como a súa capacidade para xerar ferramentas transformadoras no eido educativo e para contribuír ao debate académico e lexislativo sobre identidade, xénero e migración.
Belén García
Nacida na Coruña, Belén García formouse como mestra en Educación Musical na USC e estudou Psicopedagoxía na UDC, para especializarse posteriormente en Docencia Universitaria. Iniciou a súa traxectoria investigadora entre 2006 e 2008 con bolsas vinculadas á igualdade e á innovación educativa, desenvolvendo accións na Ciber@ula do Hospital Materno-Infantil e na Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC.
Actualmente reside en Bogotá, onde compaxina a docencia universitaria en Colombia e España cun proxecto de consultoría en formación e investigación educativa e social. Foi elixida delegada 2025-2026 da Mesa Nacional da Sociedade Civil para as Migracións en Colombia. As súas principais liñas de traballo inclúen a coeducación, as identidades de xénero, os feminismos, ainvestigación cualitatita e a análise crítica do currículo.
Sobre o G-9
O Grupo 9 de Universidades é unha asociación creada en 1997 e conformadapolas universidades públicas que son as únicas nas súas comunidades autónomas: Universidad de Cantabria, Universidad de Castilla-La-Mancha, Universidad de Extremadura, universitat de les Illes Balears, Universidad de La Rioja, Universidad de Oviedo, Euskal Herriko Unibertsitatea, UniversidadPública de Navarra e Universidad de Zaragoza, xunto coa Universidad de Murcia como entidade colaboradora e as universidades de Burgos e La Laguna, a cales participan nos plans de formación.