O plan de estudos aborda a transformación do tráfico xurídico e das relacións entre administracións, cidadanía e axentes privados nunha contorna dixital.
A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña reforza a súa posición como referente na formación xurídica avanzada co Máster Universitario en Dereito Dixital e Intelixencia Artificial (MUDDIA), unha titulación pioneira no Sistema Universitario Español. Este másterresponde á crecente demanda de especialización nos retos legais derivados das tecnoloxías da información e a comunicación e do desenvolvemento da intelixencia artificial.
Con 60 créditos ECTS repartidos en dous semestres, o MUDDIA ofrece unha formación transversal que combina a análise teórica coa perspectiva práctica, impartíndose de forma presencial e complementado con ferramentas de teleaprendizaxe como Moodle ou Microsoft Teams.
Conta cun cadro docente integrado maioritariamente por profesorado da UDC, pertencente aos Departamentos de Dereito Público e Privado, Análise Económica e Computación, con ampla traxectoria investigadora en Dereito Dixital e Intelixencia Artificial. Ademais da colaboración de docentes externos e profesores convidados, o máster conta con colaboracións estables con entidades como ABANCA e INDITEX, ás que se sumará proximamente a Axencia Española para a Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), nun modelo consolidado de sinerxía académico-empresarial. O reto é consolidar eafianzar esta cooperación co tecido empresarial e institucional referente en IA een dixitalización.
O seu plan de estudos proporciona ao alumnado as ferramentas necesarias para desenvolver a súa actividade profesional nunha contorna dixital que transformou o tráfico xurídico e as relacións entre administracións, entre o Estado e a cidadanía e entre particulares.
As prácticas externas constitúen outro dos piares fundamentais do programa, ofrecendo ao alumnado a posibilidade de aplicar os seus coñecementos en contornas reais, en empresas tecnolóxicas, despachos especializados e administracións públicas.
Tras seis promocións, o MUDDIA destaca tamén pola calidade e diversidade do seu alumnado, con estudantes procedentes de distintos países que conforman grupos heteroxéneos, moi participativos e valorados polo seu alto grao de implicación nas sesións presenciais. Como mostra, un equipo do MUDDIA acaba de participar na Conferencia Internacional WhiteHat sobre IA, cibercriminalidade, ciberseguridade e estratexias para un futuro dixital seguro, organizada pola Universidade de Boston e o INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade de España), e celebrada na Universidade de León no mes de xuño, acadando o segundo lugar no desafío práctico de investigación forense de cibercrime.
Todas estas pezas fan que desde a súa primeira edición, o máster rexistreunha elevada demanda, cubrindo sempre o total das 25 prazas que oferta e xerando listaxes de espera significativas. Unha mostra da aposta da UDC pola innovación, o desenvolvemento das novas tecnoloxías e a formación de profesionais á vangarda das necesidades actuais.