O PP esixe o arranxo inmediato da estrada LU-P-2906, en Cuíña, chea de fochancas , blandóns e carente de sinalización

Antonio Ameijide explica que esta estrada, duns 6 quilómetros de lonxitude, conecta Arieiras con Cuíña e Vilalvite, ademais de dar acceso a varias explotacións agrogandeiras, negocios e iniciativas industriais “polo que conta cunha elevada densidade de circulación”.

O mantemento das estradas provinciais segue a ser “o gran problema pendente” para PSOE e BNG e 66 dos 67 concellos da provincia, xa que “todos están nunha situación moi mellorable, agás o municipio no que goberna José Tomé, no que están en perfecto estado”.

A esta situación non é alleo o municipio de Lugo, cun elevado número de estradas de titularidade da Deputación de Lugo é que precisan “de actuacións inmediatas de mantemento”, como é o caso da estrada provincial LU-P-2906, que conectaArieiras – Cuíña – Vilalvite.

Nesta ocasión, o voceiro provincial, Antonio Ameijide, xunto á concelleira do PP en Lugo, Flor Rubinos, comprobaron o estado desta estrada ao seu paso por Cuíña e explicaron que “é imposible entender como o goberno provincial permite que se chegue a esta situación”.

Esta estrada presenta numerosas fochancas, blandóns e unha preocupante falta de sinalización, tanto horizontal como vertical. “É preciso renovar o firme desta estrada, de aproximadamente 6 quilómetros de lonxitude, xa que hai moitos puntos nos que hai fochancas de grandes dimensións, así como é preciso renovar as cunetas e realizar o pintado así como renovar a sinalización vertical, totalmente deteriorada e ausente en moitas localizacións”, lamentou.

Esta estrada conta cunha elevada densidade de circulación xa que dá acceso a varias explotacións, así como a varios negocios e industrias, polo que o Grupo Provincial Popular defenderá que PSOE e BNG realicen o seu arranxo.

“O perigo nas estradas provinciais é evidente e está aí a diario para os miles de condutores que a diario empregan esta rede de estradas pola desidia e a falta de mantemento do goberno de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo”, ao que engadiu que “foi un goberno do PP o que materializou toda a rede de estradas provincial, a máis extensa de España, e con moitos menos recursos dos que Tomé e os seus socios teñen para o seu mantemento”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios