O Arde Lucus tamén ten espazo para a creatividade, a educación e a participación da infancia. Un total de 270 nenos e nenas dos colexios As Mercedes, Rosalía de Castro, Anexa, Nadela, Menéndez Pelayo e Sagrado Corazón protagonizaron hoxe unha espectacular exhibición de ecopercusión, unha das novidades incorporadas á programación desta edición.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañada por membros do equipo de Goberno, asistiu a esta actividade na que o alumnado demostrou que a música pode nacer dos materiais máis cotiáns cando se combinan imaxinación, traballo en equipo e ilusión.
A proposta permitiu aos participantes converter botes de pintura en instrumentos musicais, ofrecendo unha actuación chea de ritmo, coordinación e creatividade que sorprendeu ao público asistente.
Ademais do seu carácter lúdico, a actividade serviu para fomentar valores como a conciencia ambiental, a reutilización de materiais e o traballo colaborativo, demostrando que a aprendizaxe tamén pode realizarse a través da música e da expresión artística.
A alcaldesa destacou a implicación dos centros educativos e do profesorado participante, así como o entusiasmo dos nenos e nenas, verdadeiros protagonistas dunha actividade que achegou unha visión diferente e innovadora ao programa do Arde Lucus.
Con iniciativas como esta, a festa continúa abríndose á participación de toda a cidadanía e incorporando propostas que combinan cultura, educación e convivencia, facendo do Arde Lucus unha celebración cada vez máis diversa e integradora.